Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
Noticias
FIO (FEIRA INTERNACIONAL DE ORNITOLOXÍA)
19/09/2014

Un ano máis O Grove participou na FIO, a maior feira ornitolóxica do sur de Europa e que ten lugar no Parque Nacional de Monfragüe, Estremadura, cunha participación de 10 000 visitantes e cun elevado número de expositores de todas as comunidades autonómicas españolas, que mostran os seus mellores espazos para a observación de aves, ademais de rutas ornitolóxicas, aloxamentos, gastronomía... Tamén conta a feira cunha grande oferta en todo o que a aves e a natureza se refire: conferencias, charlas, exposicións fotográficas, exposicións de material óptico, de material de aventuras, libros...


O noso concello conta cun dos humedais máis ricos de Galicia e España para a observación de aves, pois nos seus límites xeográficos hai zonas protexidas pola Rede Natura 2000, Humedais Protexidos segundo o Convenio Ramsar, Lugares de Interese Comunitario, Zonas de Especial Protección das Aves e Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais, ademais das importantísimas IBAS mariñas. Unha representación deste concello estivo no Parque Nacional de Monfragüe para poñelo en valor e dalo a coñecer a nivel nacional e internacional.


Estamos traballando para que na nova edición 2015, que coincide co 10.º aniversario da FIO, O Grove lles volva mostrar a España e a Europa un dos valores máis importantes que posúe: a natureza e as aves.

Vídeo resumen da 9ª edición da feira: http://youtu.be/VHJPhvxClWw

 
KERRÍÍÍCKKK, KERRÍÍÍCKKK
05/09/2014

Ilustración: Encarna González "niño".

Xa empezan a marcharse as anduriñas. As nosas escuras anduriñas, as anduriñas de campo, as anduriñas de primavera.

Pero a cambio chegan outras do norte. Estas son anduriñas brancas, anduriñas de mar, anduriñas de inverno.

Son os carráns cristados (Sterna sandvicensis), a alegría da ría, cuxos reclamos: kerríííckkk, kerríííckkk, soan por todo o litoral da península Meca.

O carrán cristado é un ave mariña elegante, de cor gris pálida uniforme, que se diferencia das gaivotas por ser máis esvelto, ter as alas máis longas e afiadas e a cola con forma de forquilla. Ten un penacho negro coroando a súa cabeza e o seu pico é fino, negro e coa punta amarela. Patrulla mirando sempre o mar, con voo áxil e errático.

A súa forma de pescar é unha das máis preciosas da natureza, pois realiza xiros e pairos, para lanzarse en picado e con gran maestría dende 10-15 m de altura a captura de peixiños que se moven preto da superficie.

A partir do mes de agosto os carráns cristados comenzan a pasar polas nosas costas procedentes do norte e oeste de Europa.

Desde os seus afastados lugares de cría baixan bordeando todo o litoral europeo en dirección aos cuarteis invernantes na África Occidental e Austral e poden observarse en todas as zonas costeiras españolas.

Ainda que no inverno son escasos na Península, nas Rías Baixas, sobre todo na de Arousa abundan ata nos meses máis fríos.

Por toda a nosa franxa de mar xa se poden ver estos carráns e non fallan en portos coma no de O Grove, Meloxo ou Pedras Negras por donde patrullan aproveitando que os bancos de peixes pequenos buscan refuxio nos peiraos.

Adoitan descansar en praias areosas próximas a humedais como no esteiro do Umia, illa de A Toxa ou península de Arnosa e tamén nas bateas de mexillón da ría, chegando a contarse no inverno a noitiña e nunha soa batea, 340 carráns cristados.

Unha vez máis esta ave é outro bioindicador da boa saude, pero neste caso do mar. Son a proba da gran riqueza biolóxica das nosas augas, xa que indican que todavía hai abundancia de peixes novos dos que se alimentan.

Kerríííckkk, Kerríííckkk, son de outoño.

Xa volveron as brancas anduriñas. Outra vez é primavera, a primavera dos carráns, a segunda primavera.

 
A COLONIA DE GARZOTA
16/08/2014


Ilustración: Encarna González "niño".

A garzota (Egretta garzetta) é unha ave esvelta e elegante. É unha pernilonga branca, de mediano tamaño. O seu pescozo é longo e as súas patas son longas e negras, pero cos pés amarelos moi rechamantes.

Debido á beleza das súas plumas, no século XIX foron moi perseguidas e destruídas as súas colonias, xa que estaba de moda colocar nos chapeus das señoras os penachos da caluga e as plumas do dorso.

A garzota é unha ave asociada á auga, xa sexa doce ou salgada, por iso onde haxa augas superficiais e tranquilas é posible ver estes ardeidos.

No Grove é abundante no inverno, xa que recibe achegas de aves setentrionais, chegando a contabilizarse preto dos 300 exemplares. Onde máis abunda é na súa enseada (Complexo Intermareal Umia-O Grove), principalmente ao SE desta, na foz do río Umia e ao S da Illa da Toxa.

No verán, aínda que baixa o seu número, sempre se poden observar garzotas.
Cando busca alimento, é unha ave moi inqueda e adoita remover nerviosamente a auga coas patas para descubrir as súas presas. Aquí principalmente aliméntase de pequenos peixes, pero tamén pode capturar invertebrados, e a miúdo faino en grupos reducidos.

Diferénciase das outras garzas presentes na zona, como a garza real (Ardea cinerea), en que esta é gris por enriba e máis grande, e difire da escasa garzota grande (Egretta alba), que tamén é toda branca, por ter maior tamaño e o pescozo máis longo, ademais ten os pés negros e un comportamento máis cauto.

Pero o extraordinario das garzotas comúns do Grove é que nidifican no noso concello, sendo a única colonia de garzota común de toda Galicia. Esta colonia asentouse en xuño de 2009, e este ano tamén nidificaron.

O niño das garzotas comúns sitúase en arbustos, árbores ou vexetación palustre. No Grove sitúanos concretamente nun hábitat de matogueira de toxo, salgueiro e a rentes do chan. A súa época reprodutora vai desde fins de maio á segunda quincena de xuño, prolongando a súa presenza ata principios de setembro. É unha especie colonial que pode sumar centos de niños, pero nesta colonia o número de parellas asentadas é reducido. A incubación e a alimentación dos polos corre a cargo de ambos os proxenitores e as pequenas garzotas completan o seu desenvolvemento ao cabo de 40-45 días.

Aínda que a poboación de garzotas comúns do Grove se considera estable, o éxito deste asentamento, único na comunidade galega, está suxeito a unha serie de ameazas que dificultan a súa reprodución, entre elas, a posible predación de polos por parte de depredadores naturais e as molestias humanas.

 

 
MIGRACIÓN OUTONAL
03/08/2014

Xa comezou o paso posnupcial de aves acuáticas na marisma do Vao (dentro do Complexo Intermareal Umia-O Grove), unha das mellores zonas de Galicia para o seu gozo, onde se concentran miles de exemplares no inverno e que conta con 5 observatorios ornitolóxicos.

A esta marisma están chegando as primeiras aves que, procedentes do norte de Europa onde criaron debido á gran abundancia de recursos alimenticios, comezan a baixar cara aos seus cuarteis de inverno en África, unha vez finalizada a tempada de cría e ao diminuír o alimento en toda a zona setentrional.

Moitas delas nesta longa viaxe migratoria outonal fan un alto no camiño para repoñer forzas, e aquí atopan o lugar idóneo pola cantidade de illotes tranquilos onde descansar e pola riqueza de materia orgánica da que se alimentan.

O día 3 de agosto contamos os primeiros parrulos, concretamente 344 lavancos (Anas platyrhynchos), ademais chegaron os primeiros 18 pilros comúns (Calidris alpina), 4 pilros tridáctilos (Calidris alba), 24 píllaras reais (Charadrius hiaticula), 41 mazaricos chiadores (Numenius phaeopus), algún bilurico claro (Tringa nebularia) e gabitas (Haematopus ostralegus).

As gaivotas choronas (Chroicocephalus ridibundus), fixeron acto de presenza na marisma, destacando as xuvenís de bonita cor, así como 22 garzas reais (Ardea cinerea) e 7 garzotas (Egretta garzetta).

E mirando cara ao fondo, no illote Tourís, 17 cullereiros (Platalea leucorodia), en paso posnupcial.

Aínda é un pouco cedo para gozar da exuberancia do Vao, pois aínda non chegaron nin os asubiadores (Anas penelope) nin os patos rabilongos (Anas acuta), cercetas (Anas crecca), culleretes (Anas clypeata), virapedras (Arenaria interpres), píldoras cincentas (Pluvialis squatarola), pilros gordos (Calidris canutus), mazaricos rabinegros (Limosa limosa) etc., etc., aínda que agora si pode "caer" algún pilro ferruxento (Calidris ferruginea) ou pilro pequeno (Calidris minuta), pero dentro dun tempo a marisma converterase nun espectáculo inesquecible.

 

 
AVES MARIÑAS DE PUNTA PATEIRO
18/07/2014

Hai un cabo ideal no Grove para as primeiras horas dunha mañá de verán ou das finais de outono que se chama Punta Pateiro.

Esta punta de San Vicente do Grove formada por grandes “bolos” (formacións graníticas moi antigas) é un saínte cara ao mar xusto na esquina NW do concello e que fai de bisagra entre as rías de Arousa e de Pontevedra.

Desde el divísanse cara á ría arousá, o illote do Pombeiro, próximo á costa (no que crían as gaivotas patiamarelas e onde hai grandes concentracións de corvos mariños cristados), a illa de Cortegada e o seu arquipélago formado pola mole pétrea de Noro, a branca Vionta e outros illotes pertencentes ao Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Na ría de Pontevedra vese outra illa, grande, tamén pertencente ao Parque Nacional, Ons e a punta de Con Negro, lugar de descanso de corvos mariños e láridos.

Pero nesta sección resaltamos que un dos valores deste cabo é a observación de aves mariñas que durante a súa peregrinación migratoria cara a outras latitudes pasan acariñando a costa meca.

Por dar algúns datos, desde Pateiro observáronse nunha soa xornada centos de mascatos atlánticos de distintas idades que, formando rosarios na liña do horizonte, se dirixían cara a rexións mariñas máis sureñas.

Tamén pardelas baleares, aves en “perigo crítico de extinción”, que no seu peregrinación entre o golfo de Biscaia e as Illas Baleares fan un alto para aproveitar os recursos alimenticios que lles ofrecen as rías. Como exemplo, un 4 de outubro observáronse 1004 pardelas durante 3 horas. Isto demostra a importancia das Rías Baixas galegas para a supervivencia desta especie moi ameazada, que só cría nesas afastadas illas mediterráneas.

Os corvos mariños cristados son especie “vulnerable” e emblema do noso parque, porque nel se atopa a maior colonia española. Estes corvos mariños adoitan agruparse polas mañás en Ons onde pernoctan e forman bandos que se dirixen cara ás ricas augas de Arousa, onde se alimentan, pasando moitos deles entre Pateiro e o illote Pombeiro.

Un día, durante dúas horas de observación, contáronse 507 exemplares.

Outras aves que se poden ver desde o cabo, e non só en migración, senón que van e veñen entre unha e outra ría son: pardelas cincentas, pentumeiros, palleiras grandes, carráns cristados, gaivotas patiamarelas, cabecinegras, choronas, escuras, gaivotóns atlánticos, corvos mariños grandes, carolos, algún paíño europeo, así como grupiños de limícolas e outras especies non mariñas que pasan rozando esta fermosa punta.

 

 
<< Inicio < Anterior 21 22 23 24 25 26 Seguinte > Final >>

JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English