Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
Noticias
A PÍLDORA DOURADA
17/01/2019

Píldora dourada (Pluvialis apricaria). Foto G. Ferreiro.

A píldora dourada (Pluvialis apricaria) é unha ave limícola de mediano tamaño, pico curto, ollos grandes e corpo redondeado que exhibe unha plumaxe homoxénea e mimética, pero de tons dourados moi vistosos.

É unha especie migradora de longa distancia que, procedente de páramos e tundras do norte de Europa, cada ano acode ás tépedas terras do sur do noso continente fuxindo das circunstancias que ameazan a súa supervivencia.

Chegan a España a partir de outubro e esténdense por praderías húmidas, pasteiros con charcas e humidais interiores do suroeste peninsular, así como algúns puntos da franxa costeira e esteiros da fachada atlántica.

En Galicia, a píldora dourada é un invernante escaso e localizado. Destacan os prados interiores (onde se asocia a avefrías europeas), por exemplo A Terra Cha e zonas litorais como Baldaio, Parque Natural de Corrubedo ou a Reserva Ornitolóxica do Grove.

Na nosa Reserva coa preamar as píldoras douradas descansan na duna da Lanzada, onde se mimetizan co terreo. Cando a marea comeza a baixar, abandonan a duna e agrúpanse na marisma do Vao, na parte máis alta, mesturándose con outras limícolas, como os seus parentes as píldoras cincentas, dos que se diferencian por teren estas un ton máis gris.

Na marisma aliméntanse de invertebrados que, a diferenza doutras limícolas que sondan o lodo co pico para extraelos, as píldoras douradas non usan o peteiro para este mester, por iso é curto, senón que utilizan os seus grandes ollos para detectalos, por iso é polo que tamén os seus bandos non sexan moi apertados para non malgastar tempo e enerxía competindo pola mesma presa.

Os números máis elevados da Reserva están en torno aos 300 exemplares durante o mes de xaneiro e cando os invernos son máis rigorosos.

Malia que en marzo as píldoras douradas comezan o seu regreso ao norte, aínda nos queda unha boa tempada para podermos gozar destas bonitas e tranquilas aves.

 
PATOS DA MARISMA
03/01/2019

Pato asubiador (Mareca penelope). Ilustración Encarna González.

As aves acuáticas son aquelas que viven en zonas húmidas, ben da costa ou do interior. Son acuáticas, as limícolas, as garzas ou os patos e en xeral as aves que dependen dos humidais para sobrevivir.

Os patos que pertencen ao grupo das anátidas adoitan ser aves migradoras, por iso son excelentes e rápidos voadores. Ademais, ao viviren na auga, están ben adaptadas á vida anfibia, por iso é polo que teñan patas palmeadas para poderen nadar con elegancia ou mergullaren con habilidade e teñen os picos planos e anchos para filtraren o alimento extraído da auga ou recolleren vexetación e pequenos animais acuáticos.

Na marisma do Vao dentro da Reserva Ornitolóxica do Grove, temos diversos exemplos de patos nadadores ou de superficie, que desde a Europa do norte chegan a pasar o inverno.

Entre eles o máis común e abundante: o lavanco (Anas platyrhynchos). Pato grande que se caracteriza pola súa cabeza verde brillante con irisacións e colar branco. En ambos os sexos o “espejuelo” é azul intenso. No inverno recibimos aves doutros países.

O pato asubiador (Mareca penelope), así chamado por emitir uns sons a modo de asubíos que se oen facilmente na marisma. Fisicamente caracterízase por ser un pato de mediano tamaño e ter unha banda amarela na fronte, cola negra e ventre branco. Nesta zona tamén é moi numeroso no inverno.

A cerceta (Anas crecca). É minúscula, a máis pequena das nosas anátidas. Ten a cabeza castaña cun anteface verde esmeralda e preto da popa ten unhas bandas laterais amarelas. O número de exemplares aumenta nos invernos fríos

Outro pato é o pato frisado (Mareca strepera). Ave moi discreta pola súa coloración grisácea na que só destaca a popa negra e o rechamante “espejuelo” branco.

Tamén temos o cullerete (Spatula clypeata). Pato moi belo, con aparente pescozo curto e gran peteiro filtrador ancho e plano. O peito branco destaca sobre os flancos marróns.

O pato rabilongo (Anas acuta), é o máis esvelto. Ten a cabeza cor chocolate. O pescozo longo e a cola longa apuntada cara arriba, danlle un aspecto moi elegante.

Algúns invernos adoitan verse pola marisma pero en números reducidos, outro grupo de anátidas: os gansos, xa sexa ganso bravo (Anser anser), que despistadamente afástanse dos seus lugares habituais de invernada: as lagoas interiores de Villafáfila ou La Nava, o ganso de cara negra (Branta bernicla), ganso pequeno e aspecto xeral negro, aínda que as partes inferiores son branco-grisáceas. Nesta tempada cinco gansos de cara negra móvense por distintos puntos da enseada do Vao.

Todas estas aves podémolas observar na Reserva Ornitolóxica do Grove, máis concretamente na marisma do Vao, alén da praia da Lanzada, e desde calquera dos observatorios instalados no bordo da marisma, marisma que lles ofrece aos patos un lugar onde invernar.

 
NADAL 2018
20/12/2018

 

 
RETIRANDO RESIDUOS DA PRAIA DA LANZADA
02/12/2018

Charla introductoria da xornada.

O mércores desde SEO-Pontevedra e en colaboración coa Fundación Biodiversidade e o Concello do Grove, levouse a cabo a 1ª acción ambiental no territorio Meco de “Voluntariado de praias e ríos da Fundación Biodiversidade”.

Cincuenta e dous nenos voluntarios do IES Monte da Vila grovense participaron na xornada de retirada de residuos da praia da Lanzada, que forma parte da Reserva Ornitolóxica de SEO/ BirdLife do Grove.


Durante unhas tres horas os nenos, con moito entusiasmo, percorreron un tramo do areal e retiraron toda clase de lixos contaminantes: bastonetes dos oídos, cordeis, cordas, botellas, zapatos, vidros, nasas, tapóns, redes, aboias, cubos...

 


Con esta acción tanto profesores como Concello e demais organizacións tratamos de que os nenos sexan conscientes de que o abandono de residuos en medios naturais é unha catástrofe ambiental de dimensións alarmantes que lles afecta non só á flora e á fauna, senón tamén ao ser humano, e non só o abandono de residuos de gran tamaño, senón principalmente dos plásticos pequenos.

 


Caracterizando e estudando os residuos.

Os resultados do traballo dos cativos saltan á vista.


 
OUTRA VEZ MOBELLAS!
15/11/2018

Mobella grande (Gavia immer). J. Gómez.

Xa chegaron as mobellas grandes (Gavia immer) á Reserva Ornitolóxica do Grove.

As fermosas aves (polas que teño predilección), procedentes de Islandia onde nacen, un ano máis reaparecen na nosa baía da Lanzada, un dos mellores lugares das costas do norte da península Ibérica para observalas.

Pero, cal é o mellor punto da baía?

Son varios os puntos litorais onde os poderemos avistar:

Un é a pasarela de madeira que percorre a duna da Lanzada.

Malia que a pasarela non está moi elevada, cando as mobellas están próximas á praia, é idónea para velas de preto, agás polas tardes, cando o sol dá de fronte e impide apreciar as súas cores.

As súas coordenadas de posición son: 42°27'7.96"N 8°52'44.16"O

Outro lugar é a plataforma ornitolóxica da Pantoeira, situada no norte da praia da Lanzada, e á que se chega pola estrada que se dirixe a San Vicente do Mar, unha vez pasado o antigo sanatorio, que hoxe é unha pousada.

Este si é un punto elevado, bo para observar mobellas cando están próximas a este lado da costa e bo tamén cando queremos coñecer o total de aves que se reparten pola Lanzada, porque desde A Pantoeira abránguese bastante costa. Ten o inconveniente de que a partir de media mañá o sol dá de fronte, por iso está ben para as primeiras ou as últimas horas do día, cando as mobellas se agrupan para pasaren a noite.

Coordenadas de posición: 42°27'29.22"N 8°53'12.48"O

Ás veces hai mobellas na enseada de Area da Cruz, entrante de mar situado no lado norte da baía.

Para observar as súas mobellas, un bo lugar está fronte a Paxareiros, con enclavado entre as praias de Raeiros e Area da Cruz. Chégase nada máis pasar a praia de Raeiros, collendo a man esquerda por unha estreita e desapercibida vía sen saída, que acaba nas rochas do mar.

Desde este punto poderemos avistar as mobellas da enseada máis de preto.

Coordenadas de posición: 42°27'39.70"N 8°54'9.38"O

As mobellas grandes reaparecen e xa sabemos onde observalas, agora toca gozar desta marabilla da natureza.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English
youporn