Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
Noticias
ESPECIES DO DÍA DAS AVES
02/10/2017

Mazarico rabinegro (Limosa limosa). 01/10/2017. Foto de Nico (12 años).

Este domingo 1 de outubro a SEO (Sociedade Española de Ornitoloxía), celebramos o Día das Aves na Reserva Ornitolóxica do Grove, por ser un dos mellores lugares do norte peninsular para a observación de aves acuáticas.

Comezamos a ruta observando as aves mariñas da baía da Lanzada, logo percorremos varios puntos en torno ao Complexo Intermareal Umia-O Grove seguindo o estado das mareas, para gozar de limícolas, patos, garzas, gaivitas e demais.


Esta é a listaxe das aves máis destacadas que observamos:

Lavanco, pato frisado, asubiador, cullerete, cerceta, pato cristado, pentumeiro, mascato, corvo mariño cristado, corvo mariño grande, garza real, garzota, garzota grande (3), cullereiro, mergullón pequeno, rascón, galiñola negra, galiñola, miñato, gabián, lagarteiro, píldora cincenta, píldora dourada, pilro común, pilro tridáctilo, píllara real, bilurico patirrubio, bilurico claro, mazarico rabinegro, mazarico rubio, mazarico real, mazarico chiador, gabita, virapedras, gaivota cabecinegra, gaivota escura, gaivotón, carrán cristado, carrán pequeno, cirrio pálido, papoazul, cotovía, ferreiriño, peto real, etc.

A xornada foi tranquila, asollada e todos os participantes puidemos gozar de 77 especies de aves no Día das Aves.

Carrán pequeno (Sterna albifrons). 01/10/2017. Foto de Nico (12 años).

 
DÍA DAS AVES 2017
18/09/2017

O feito de convivir coas aves, a súa presenza e proximidade, énchenos de alegría ao gozar da beleza e colorido das súas plumaxes, e ao escoitar os seus harmoniosos cantos. É por iso que a nosa saúde ambiental mellora simplemente ao estar en contacto con elas.

Achégannos vida e cor, achegan a natureza ás cidades e son grandes viaxeiras que non teñen fronteiras, pois non entenden de barreiras culturais e políticas e, con todo, son descoñecidas para moitas persoas.

É por iso que durante a primeira fin de semana de outubro se celebra o Día das Aves, cuxo obxectivo é achegar o seu fascinante mundo aos cidadáns. Trátase do principal evento participativo organizado por BirdLife International a escala mundial e que en España coordina SEO/BirdLife.

Preto de 42.000 persoas participaron cada ano nun variado programa de actividades: excursións, cursos, conferencias, itinerarios ou talleres infantís. Organizáronse por todo o país 161 actos abertos ao público nos que se desenvolveron 540 actividades, co obxectivo de achegar o mundo de aves á cidadanía. Este gran evento social foi posible grazas ao apoio dun milleiro de voluntarios pertencentes a 40 grupos locais de SEO/BirdLife, xunto coa colaboración doutras 121 entidades.

Para celebrar o Día Mundial das Aves en Galicia SEO elixe o Concello do Grove, por contar coa primeira e única Reserva Ornitolóxica de Galicia e a maior Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife de España e iso porque é un dos mellores lugares de Galicia e do norte peninsular en acollida de aves acuáticas, xa que máis de 18.000 aves entre limícolas, patos, garzas, aves mariñas… invernan nesta espazo protexido e de alto valor ambiental.

Celebraremos o Día das Aves 2017 o domingo 1 de outubro, realizando un itinerario gratuíto e aberto ao público por este máxico lugar e guiados por ornitólogos de SEO-Pontevedra.

Se queres participar no Día das Aves só tes que enviar un correo a:

Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo e darémosche máis información.

Anímate e participa!

Esperámoste.

 
AVES NOCTURNAS
04/09/2017

Curuxa (Tito alba). Ilustración de Encarna González.

As aves nocturnas como a curuxa, o moucho de orellas e a avenoiteira cincenta mostran a súa tendencia no programa Noctua de SEO/BirdLife, que desde 2005 estuda as nove especies de aves nocturnas de toda España co obxectivo de obter a súa evolución poboacional.

O traballo de 450 voluntarios é fundamental para coñecer a situación ano a ano das poboacións destas aves propias de medios agrícolas e rurais e constatouse que a súa evolución ata a data foi negativa. O mesmo para os grilos e grilos ceboleiros, base da alimentación destas aves, que tamén se rexistran e constátase que están a diminuír no noso país.

O moucho de orellas e a curuxa mostran unha evolución negativa a nivel peninsular, así a curuxa común é unha das aves nocturnas con maior declive detectada no programa Noctua de SEO/BirdLife, que desde 2005 analiza a evolución de bufos ou avenoiteiras entre outras especies. En concreto, obsérvase un descenso nos seus efectivos do 13%. Estes datos, solicitados a través da colaboración de 450 voluntarios, parecen corroborar unha percepción cidadá: cada vez hai menos curuxas nas vilas e os seus arredores.

Con todo, este declive non é igualmente acusado en todas as rexións de España: a poboación de curuxa común atópase en valores inferiores a 2005 en todas as rexións de España menos na zona mediterránea norte (Castellón e Cataluña). En concreto, este declive é especialmente acusado na rexión mediterránea sur “que abarca Andalucía, Castela-A Mancha, Murcia ou Illas Baleares, entre outras comunidades” onde as súas poboacións se reduciron á metade.

Pola contra e en termos xerais pódese dicir que soamente aumentan na península ibérica as poboacións de bufo pequeno, bufo real e avelaionas, ademais das avenoiteiras cincentas.

Agás o bufo real, que tamén se atopa noutros medios, o bufo pequeno, a avelaiona e a avenoiteira cincenta son especies asociadas principalmente a medios total ou parcialmente arborizados, polo que se mantén o mesmo patrón de evolución por medios que nas aves comúns: as aves vinculadas a medios forestais aumentan mentres que as de medios agrícolas diminúen.

No municipio do Grove as aves nocturnas rexistradas son a curuxa común, o moucho de orellas, a avenoiteira cincenta, ademais doutro bufo pequeno, o moucho.

A tendencia poboacional das aves nocturnas de España tamén se reflicte na península meca, pois segundo C. D. Romay Cousido, ornitólogo local, a curuxa común mostra un declive forte, o moucho de orellas é unha especie cuxa poboación fluctúa segundo os anos, a avenoiteira cincenta reflicte unha tendencia estable, mentres que o moucho, por estar ligado a medios agrícolas, está en declive moderado.

 
O MAZARICO REAL: AVE DO ANO 2017 EN GALICIA
17/08/2017

Deseño e ilustración: Encarna González.

Este ano a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), ven de nombrar ao Mazarico real (Numenius arquata) coma Ave do Ano 2017 en Galicia, debido a que son os derradeiros mazaricos reais nidificantes de toda a Península Ibérica.

É o mazarico real unha das limícolas máis grandes e fermosas da nosa área de distribución, o Paleártico occidental. E é de doada identificación, polo pico longo e curvado que lle caracteriza.

A poboación nidificante da Península Ibérica é antiga, pero só con presenza en Galicia e Asturias. Na actualidade o mazarico real só cría en Galicia, concretamente na Terra Chá (Lugo), aínda que houbo outro núcleo de nidificación principal, xa desaparecido, a carón da vella lagoa de Antela, na comarca da Limia (Ourense),.

Na Terra Chá parece probable que fose reprodutor habitual o longo do século XX.

Nos derradeiros anos a poboación reprodutora de mazarico real oscilou entre 3 é 5 parellas. Estes exemplares reproductores da Terra Chá chegan o longo de marzo e permanecen aquí até finais de xuño ou xullo, asentándose nunha superficie ocupada maioritariamente por breixos e uceiras de pouca altura, rodeada por prados, campos de cultivo e bosquetes.

A diminución de mazaricos, a contracción da área de distribución e o reducido tamaño actual da poboación levou a inclusión da poboación nidificante española na categoría de “En Perigo de Extinción” no Catálogo Español de Especies Ameazadas (Real Decreto 139/2011, do 4 de febreiro) e na mesma categoría no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007, do 19 de abril).

A principal ameaza que sofren relacionase probablemente coa destrución e alteración de hábitat de nidificación e procura de alimento. Así nas derradeiras décadas produciuse na Terra Chá unha diminución das áreas de mato, en beneficio de repoboacións forestais feitas con piñeiro ou, mais recentemente, con eucalipto. Xunto a isto, a transformación de prados de sega en cultivos, fundamentalmente de millo, supón tamén unha ameaza xa que estas praderías son fundamentais como áreas de alimentación.

A precariedade desta poboación urxe a promulgación do decreto que aprobe o Plan de Recuperación do Mazarico real en Galicia, se non queremos que os mazaricos reais nidificantes desaparezan da Península Ibérica.

Na Reserva Ornitolóxica do Grove non temos mazaricos reais nidificando, pero sí podemos deleitarnos no inverno dunhas 300 Aves do Ano que veñen dende lonxe ao Complexo Intermareal Umia-O Grove ou ata 700 mazaricos que fan un alto no camiño para alimentarse e descansar durante os pasos migratorios como o de primavera ou outono que comenza agora.

 
LAVANDEIRAS AMARELAS
02/08/2017

Lavandeira amarela (Motacilla flava). Ilustración de Encarna González.

A duna da Lanzada é un rico hábitat que dá acubillo e é zona de reprodución de múltiples paxariños, entre os que destacan especies en perigo de desaparecer como a píllara das dunas e outras con poboacións menos ameazadas como as lavandeiras amarelas, lavercas, carrizas dos xuncos, chascos, liñaceiros, verderolos, lavandeiras brancas, cotovías pequenas, xílgaros, etc.

Hoxe imos resaltar a lavandeira amarela, porque é unha ave estival que agora podemos observar con facilidade no istmo da Lanzada, xa sexa desde o aparcadoiro, a pasarela que cruza a duna ou mesmo desde a praia mirando cara ao cordón dunar.

Esta lavandeira, con nome científico Motacilla flava, é un bonito paseriforme con plumaxe cor verde oliva que se torna amarela brillante no ventre e na parte inferior do corpo. A súa cola é longa, negra e branca e a cabeza é gris azulada con garganta e cellas brancas e anteface negro.

A lavandeira amarela é a única lavandeira que está en España só durante o verán, xa que o inverno pásao na África tropical.

Chega ao noso país en marzo e abandónao en outubro. Os meses de paso migratorios primaverais céntranse en abril e os outonais, máis notorios, en setembro. Migra de día en pequenos bandos.

Estas aves elixen para nidificar dous tipos de hábitats moi distintos, por unha banda encántanlles as chairas, principalmente húmidas, como pasteiros encharcados de uso gandeiro (de onde lle vén o nome de lavandera boyera en castelán), marismas, áreas palustres, esteiros, cultivos de regadío…, que lle proporcionan o alimento que compón a súa dieta: os insectos e as súas larvas. Por outra, ocupan zonas abertas secas, como praderías, campos cultivados e dunas, por iso é polo que aniñan no istmo da Lanzada, principal lugar de reprodución de lavandeiras amarelas no Grove.

Crían entre marzo e agosto, facendo unha ou dúas postas nun niño formado por herbas secas e instalado no chan, oculto entre a vexetación dunar.

É interesante saber que no Grove é unha especie que está en regresión, pois a día de hoxe só 10-12 parellas crían no istmo da Lanzada.

Aféctanlles a contaminación do medio agrícola e acuático e, no noso caso, a perda de hábitat, xa que a duna está a ser colonizada por especies non propias do hábitat dunar.

Dito isto, agora se vemos un paxariño amarelo e elegante que pousa nos valos das pasarelas ou sobre algunha planta da duna da Lanzada, xa saberemos que se trata da lavandeira amarela.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English