Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
Noticias
XORNADA INFORMATIVA DA PÍLLARA DÁS DUNAS
17/07/2017

Onte domingo fíxose una Xornada Informativa da Píllara dás dunas nunha das praias do Grove onde nidifican estas aves.


16/07/2017. E. González.

Durante catro horas realizouse esta xornada de educación ambiental entre SEO-Pontevedra e o Concello do Grove e na que se lles deu a coñecer a unhas duascentas persoas de diversa procedencia —Madrid, Salamanca, Asturias, León, Ourense, Santiago, A Coruña, Carballo, Vigo, Reino Unido, Portugal...— a píllara das dunas e todos os problemas cos que se enfronta.


16/07/2017. F. Meis.

Nesta actividade os usuarios da praia puideron gozar a través de varios telescopios, da familia de píllaras que aínda queda na praia, isto é, o macho e o seu poliño de 8 días.

Todos os usuarios mostráronse sorprendidos polos valores ocultos da praia e encantados de descubrir estas aves.


16/07/2017. E. González.

Así mesmo, tamén se repartiron folletos informativos realizados este ano polo Grupo Píllara, nos que se explica a importancia de deixar as algas na beira e de facer unha limpeza manual e selectiva.

A xornada foi moi produtiva e cunha alta participación.

16/07/2017. E. González.

 
AS ALGAS DAS PRAIAS
03/07/2017

Praia da Lanzada. 20/06/2017. E. González.

Como xa comezou a época do gozo das praias, queremos lembrar os beneficios que teñen as algas varadas na beira.

Estamos afeitos a considerar as praias como parques de lecer ou meros obxectos de consumo e estas nin son espazos artificiais nin simples extensións de area estéril, senón que son ecosistemas naturais e vivos, polo que deben tratarse de forma respectuosa e coidadosa para que conserven a súa boa saúde, da que todos nos beneficiaremos.

Son as algas varadas na area os bioindicadores do bo estado de conservación das praias, xa que lles achegan múltiples beneficios:

1º. As algas son hábitat e alimento de máis de cincuenta especies de macroinvertebrados, (algúns protexidos por leis europeas), e estes son á súa vez o alimento de distintas aves, entre elas a píllara das dunas, especie ameazada en Galicia.

2º. Se estas poboacións de animais consumidores de algas están en bo estado, serán elas as encargadas de eliminalas de forma natural da area.

3º. Os nutrientes que liberan as algas varadas na beira volven finalmente ao mar, fertilizándoo e favorecendo a súa produtividade.

4º. As algas ademais reteñen a area arrastrada polo vento e son as encargadas de fertilizar tamén as plantas dunares pioneiras, propiciando así a formación da duna. E é sabido que as dunas son as que protexen a costa da erosión do mar e do vento, ademais de seren as reservas de area das praias. Se as dunas se destrúen, as praias tenden a erosionarse e desaparecer.

Todo este proceso forma parte da cadea trófica costeira que garante a boa saúde do ecosistema litoral.

Pero cando as algas depositadas nas beira se eliminan artificialmente, está a provocarse unha grave alteración ecolóxica que dá lugar a areais estériles e insalubres.


Píllara das dunas na plraia da Lanzada. 09/06/2017. J. Vázquez.

A praia da Lanzada, no Grove, está dentro da Rede Natura 2000, forma parte do Complexo Ons-O Grove e da Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife.

Ademais está clasificada polo Plan de Conservación da Píllara das Dunas da Consellería de Medio Ambiente da Xuntade Galicia, como Área Prioritaria de Conservación, ou o que é o mesmo, espazo vital para a supervivencia da píllara das dunas, especie protexida en Galicia.

Por todo iso o Concello do Grove, por segundo ano, retirou a limpeza mecánica, non pasando a máquina cribadora de area pola Lanzada; só se fará en casos moi puntuais e despois de pedir as autorizacións correspondentes.

A cambio, a limpeza é manual e selectiva. Só se eliminan os contaminantes: plásticos, vidros, latas...

Tampouco se volveron a colocar as illas de colectores de residuos que había no areal que, á parte de seren focos de contaminación, atraían avespas e depredadores e facían que a camioneta de recollida circulase pola area, poñendo en perigo animais e plantas.

É por isto que o Concello do Grove está a ser un exemplo de que a conservación do patrimonio natural é perfectamente compatible co turismo de sol e praia, e outras localidades costeiras xa se están interesando polo seu modelo respectuoso coa natureza e que á vez lle ofrece ao turista praias sas e naturais.

As algas non son lixo, senón elementos naturais dos nosos areais que desempeñan un notable papel ecolóxico, polo que debemos respectar as algas depositadas na beira.

Codium ou Ramallo de mar. Praia da Lanzada. 20/06/2017. E. González.

 
NOVA CARTELERÍA NA PRAIA DA LANZADA
15/06/2017

Cómpre COÑECER PARA CONSERVAR.

Foto de G. Ferreiro.

Por iso dentro do acordo entre SEO/BirLife e o Concello do Grove para protexer as aves e os hábitats da súa Reserva Ornitolóxica, instaláronse en todos os aparcadoiros e nas pasarelas de madeira que acceden á praia da Lanzada quince carteis, algúns de 2,00 x 1,60 m.

 

Foto de G. Ferreiro.

A finalidade desta nova cartelería é informar os usuarios da importancia de manter as algas na area, de por que non hai papeletas na praia e que non se deben levar cans ao areal.

 


Foto de G. Ferreiro.

Con esta intervención tamén se pretende involucrar as persoas que gozan da Lanzada, no seu coidado e conservación.

CONSERVANDO, TODOS NOS BENEFICIAREMOS DE PRAIAS MÁIS SAS E NATURAIS.

 
PON UN BUFO NO TEU XARDÍN
02/06/2017

Se dispós dun xardín na túa casa ou na túa comunidade de veciños, ou tes unha zona con árbores próxima, podes probar a ofrecerlle un aloxamento a esta graciosa e beneficiosa ave nocturna: o moucho de orellas.

O moucho de orellas (Otus scops) é o máis pequeno dos nosos bufos. É unha especie migradora transahariana, amplamente distribuída en España, cuxo hábitat principal son as zonas boscosas abertas e os medios agrícolas con árbores dispersas, aínda que tamén ocupa parques de vilas e cidades onde utiliza para nidificar boratos das árbores. Con todo, nos parques e xardíns as árbores enfermas adóitanse tallar por seguridade e ademais non son moi abundantes as árbores vellas.


O moucho de orellas no Grove é unha especie frecuente e repartida por boa parte do territorio, principalmente en zonas arboradas, polo que lle poderemos fabricar unha sinxela caixa niño de madeira que está dando moi bos resultados. Para iso dámosche as instrucións de fabricación das caixas.

00:00
00:20

 

 

Descargar instrucións CAIXA MOUCHO DE ORELLAS


 

Unha vez construída só terás que buscar unha árbore alta, a caixa debe estar a uns 4 m de altura, e colgarase na base dunha rama orientada preferentemente ao sur-surleste. Agora só queda que lle guste ao moucho das orellas.

 
DÍA MUNDIAL DA BIODIVERSIDADE
16/05/2017

O próximo 22 de maio celébrase o Día Mundial da Biodiversidade.

Que é a biodiversidade?

A biodiversidade é a variedade da vida, resultado de catro mil millóns de anos de evolución.

Engloba todas as formas de vida da Terra: ecosistemas (bosques, desertos, zonas húmidas, mares...), animais, plantas, fungos, microorganismos e variedade xenética.
Esta riqueza natural non só xerou variedade en ecosistemas e seres vivos, senón que a relación dos humanos con ela deu lugar en todo o planeta á diversidade cultural e de saberes.

O país con maior diversidade biolóxica por quilómetro cadrado a escala mundial é Colombia, e en Europa é España, pois ten entre 55.000-60.000 especies de flora e fauna.

Esta abundancia débese a varios factores:
- Á situación xeográfica da Península Ibérica fai que goce de climas moi diferentes.
- Á multitude de relevos montañosos.
- A posuír illas con gran presenza de especies endémicas.
- Ao atraso de España no desenvolvemento económico, que permitiu manter extensións naturais ben conservadas.
Está comprobado que a biodiversidade é garantía de benestar e equilibrio na biosfera, xa que logo xera un medioambiente san do que dependemos nós. Por iso é polo que é básica para a nosa supervivencia e representa unha fonte potencial para fornecer as necesidades futuras.

Na Unión Europea a biodiversidade é calidade de vida e emprégase como índice xunto á esperanza de vida e o desemprego para medir o benestar e a sostibilidade das cidades.

Pero a diversidade biolóxica está ameazada, pois a escala mundial pérdense 30.000 especies ao ano. Sendo o número de especies ameazadas 6.213 peixes, 10.987 plantas, 3.401 aves, 3.105 mamíferos e o 31% dos bosques do mundo.

As principais causas da perda de riqueza son:

- 1º a destrución de hábitat.
- 2º a introdución de especies exóticas invasoras.
- 3º a sobreexplotación de especies.
- 4º a contaminación e o cambio climático.

O Grove aínda ten unha extraordinaria biodiversidade, non só de ecosistemas, senón tamén de especies. Proba diso é que gran parte do seu territorio está declarado Rede Natura 2000, ademais unha parte deste municipio está dentro do Complexo Ons-O Grove (espazo protexido de Galicia no que máis especies de aves se rexistraron) e conta coa maior reserva ornitolóxica de España de SEO/BirdLife.

22 de maio: Día Internacional da Biodiversidade. O Grove, un lugar idóneo para celebralo.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English