Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
IMFORME PÍLLARA DAS DUNAS 2017
17/10/2017

Polo voantón de píllara das dunas (charadrius alexandrinus). Xulio  2017. A Lanzada. Foto de J. Gómez.

Unha vez rematada a tempada de cría, preséntanse os resultados por parte do grupo local SEO-Pontevedra, do seguimento da poboación reprodutora de píllara das dunas nas praias do Salnés durante 2017, sendo o sexto ano que se custodian os niños nestes areais en colaboración cos vixilantes de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) é unha ave limícola de pequeno tamaño, cuxa poboación española se sitúa sobre todo na costa mediterránea e andaluza, mentres que a poboación da costa do norte peninsular só se atopa en Galicia.

O tamaño actual da poboación galega e a concentración de exemplares nun reducido número de localidades convértena nunha especie altamente vulnerable fronte a acontecementos demográficos e medioambientais, é por isto que foi clasificada “Vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, polo que se aprobou o Plan de Conservación da Píllara das Dunas en Galicia por parte da Xunta.

A Área de estudo foi a península do Salnés (Pontevedra), onde as píllaras das dunas son comúns todo o ano, confirmando a reprodución no concello do Grove, concretamente nas praias da Lanzada e Area da Cruz, estando ausentes como nidificantes este ano nas praias da Mexiloeira (O Grove) e de Montalvo (Sanxenxo), malia que nestes areais si que houbo presenza de individuos en primavera.

Por isto ao longo do período nidificante 2017 as actuacións para favorecer a súa reprodución desenvolvéronse maioritariamente na praia da Lanzada e Area da Cruz.

Gaiola de píllara. Foto de E. González.

As Medidas de conservación da píllara das dunas durante a tempada 2017 leváronse a cabo entre o 2 de abril e o 31 de agosto e centráronse en:

1. Facer xestións ante as administracións e organismos implicados na conservación da especie, como Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela e Concello do Grove (que á súa vez forman parte do “Grupo Píllara”, creado a nivel galego, no que ademais están implicados grupos ambientalistas, e cuxa finalidade é coordinar as actuacións e as medidas de conservación do ano en curso do Plan de Conservación da Píllara das Dunas en Galicia).

Tamén fixemos xestións coa Deputación de Pontevedra e Costas do Estado.

2. Fixemos actuacións directas nas praias, con 111 horas de control por parte de 8 voluntarios do grupo local SEO-Pontevedra consistentes en:

- Localización de niños.

- Colaboración na protección de niños mediante gaiolas e parcelas de exclusión.

- Vixilancia a distancia de niños e polos.

- Información da situación aos donos de cans que, infrinxindo a lei, os baixan á area.

- Información e asesoramento aos operarios de limpeza das praias e demais persoal que traballa nela.

- Microconferencias na praia a diferentes colectivos: nenos de campamentos de verán, grupos de xjubilados etc.

- Retirada dun gato instalado na duna da Lanzada.

- Entre SEO-Pontevedra e o Concello do Grove volvéronse a organizar catro “Xornadas de Sensibilización e Educación Ambiental” para usuarios, nas praias da Lanzada e Area da Cruz, onde se lles mostraron con telescopios, prismáticos e guías de aves as píllaras aos bañistas e se repartiron folletos do “Grupo Píllara”.

Estas accións foron moi produtivas e cunha alta participación.


Xornada de sensibilización e educación ambiental en Area da Cruz. Foto de X. Piñeiro.

- Cómpre destacar que colaboramos coa Delegación de Pontevedra do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia na marcaxe con aros de lectura a distancia de 1 macho adulto de píllara, 2 femias adultas e 4 polos, nas praias da Lanzada e Area da Cruz.

3. Outras actuacións divulgativas:

- Todos os anos facemos xornadas de educación ambiental en colexios da comarca.

- Instalación de nova cartelería na praia da Lanzada.

Dentro do acordo entre SEO/BirdLife e o Concello do Grove para protexer as aves e os hábitats da súa Reserva Ornitolóxica, deseñáronse e instaláronse en todos os aparcadoiros e nas pasarelas de madeira que acceden á Lanzada 15 carteis, algúns de 2,00 x 1,60 m, cuxa finalidade é informar os usuarios da importancia de manter as algas na area, de por que non hai papeleiras na praia e que non se deben levar cans ao areal. Con esta intervención tamén se pretende involucrar as persoas que gozan da Lanzada no seu coidado e conservación.

- Así mesmo, difundiuse o día a día da evolución dos niños e dos problemas cos que se enfrontan as píllaras en blogs, whatsapp e foros de aves, en entrevistas en radio e prensa escrita, e en programas de televisión, este ano con entrevistas no programa “España Directo” de RTVE e “Verán Verán” do Canal Rías Baixas.

- Impartíronse conferencias e charlas da píllara das dunas en distintos eventos: VIII Congreso Galego de Ornitoloxía, xornadas medioambientais para asociacións de veciños etc.

- Tamén é importante subliñar que o Concello do Grove por segundo ano consecutivo continuou coas accións conservacionistas de non limpar A Lanzada nin Area da Cruz coa máquina peneiradora de area (que ademais de eliminar as algas, fonte de alimento de píllaras, destruía niños e causaba morte de polos novos). Tampouco volveron a colocar as illas de colectores que se repartían polas praias (que non só eran focos de atracción de depredadores, senón que facían que a camioneta de recollida de residuos circulase pola area e podía pisar ovos e matar pitos).

Agora a limpeza é manual e selectiva, retirando só os residuos contaminantes.

Con estas medidas as praias mantivéronse en perfecto estado durante toda a tempada estival, o que indica que a limpeza mecánica é un procedemento inútil e daniño para o bo estado de conservación destas.


Niño 2. Abril  2017. A Lanzada. Foto de J. Gómez.

Como resultados da nidificación da píllara das dunas en 2017 nas praias do Salnés, cómpre confirmar que esta tempada foi posible a reprodución da píllara das dunas nas praias da Lanzada e Area da Cruz do Grove.

Nestes areais controláronse 4 parellas. Eclosionaron os 5 niños achados e naceron 14 polos sobre un total de 15 ovos incubados. Balizáronse os 5 niños e vixiouse a evolución dos 14 polos.

Pese ás medidas de conservación adoptadas, a mortandade dos pitos continúa a ser considerable, sobre todo nas dúas primeiras semanas de vida, debido a unha serie de problemas de conservación como:

Perturbacións humanas (presión demográfica, persoas cruzando a duna, realización de actividades lúdicas e deportivas na praia como o kitesurf da Mexiloeira…). Toda esta presión produce molestias na incubación, dificultades na obtención de alimento e estrés de adultos e polos.

Outro factor adverso foi a presenza continua de cans que causan estrés nas aves e depredación de pitiños.

Tamén a incidencia de depredadores naturais, así como a climatoloxía adversa, aínda que estes son factores que forman parte do proceso natural.

Como recomendacións para anos vindeiros queremos destacar que é urxente prestarlle máis atención á praia da Mexiloeira e suprimir o kitesurf desta zona.

Conclusión: volvemos a incidir en que o turismo de praia e a cría de píllara das dunas ata certo punto son compatibles, pero é mester seguir tomando medidas de conservación e corrixindo certos problemas para que a poboación da píllara das dunas non se extinga das nosas praias, tal como ocorreu no resto do norte peninsular.

Macho adulto e polo de píllara das dunas (Charadrius alexandrinus). Maio 2017. A Lanzada. Foto de C.D. Romay.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English