Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
NOTAS SOBRE O CULLEREIRO
15/11/2017

Cullereiro (Platalea leucorodia). Ilustración de Encarna González.

O cullereiro (Platalea leucorodia), é unha ave moi admirada por ser unha bela e elegante zancuda de cor branca, cun gran peteiro en forma de espátula co que rastrexa o lodo dos fondos superficiais.

En Europa os cullereiros só nidifican nos Países Baixos, Francia, Portugal, en puntos illados do centro de Europa e o Báltico e no cuadrante suroeste da Península Ibérica (Odiel e Doñana). No resto do territorio peninsular o cullereiro é unha ave migradora e invernante.

Galicia ao estar situada na vía migratoria de Europa Occidental acolle cullereiros que se moven entre Holanda, que é unha das colonias máis importantes e os humidais de Mauritania e do Senegal, na África occidental, onde van pasar os invernos.

Na nosa comunidade os cullereiros distribúense principalmente por medios costeiros como lagoas, marismas e chairas intermareais lodo-areosas, asociadas a zonas dos esteiros das rías, entre as que destacan localidades como o Esteiro do Miño, a Lagoa de Louro, a ría do Eo, a ría de Foz, a ría de Ortigueira, as Marismas de Baldaio, etc., etc., pero é a Enseada do Grove, que hoxe forma parte da Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife, a que recolle o maior número de individuos de Galicia.

Nos últimos anos os cullereiros invernantes constatados na enseada superan os 200 individuos, mostrando unha clara tendencia á alza.

Tamén nos pasos migratorios, principalmente na migración postnupcial (que vai de finais de agosto a mediados de outubro), se rexistran os números máis elevados do territorio galego, chegando a contabilizarse en paso máis de 300 exemplares, que utilizan a enseada como área de alimentación e descanso.

Por todo iso a enseada do Grove, xoia da Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife, considérase como área de importancia internacional para o cullereiro.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English