Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
AVES MARIÑAS INVERNANTES
04/01/2018

Mobella artica (Gavia arctica). Ilustración de Encarna González.

Procedentes da Europa máis setentrional e fuxindo dos rigores polares, volveron ao refuxio que hoxe forma parte dunha Reserva Ornitolóxica as aves mariñas que invernan na baía da Lanzada

Unha das súas aves máis emblemáticas son as mobellas. As mobellas son míticos animais migradores procedentes do norte, entre os que destacan as mobellas grandes (Gavia immer), que desde Islandia onde nacen, todos os anos se desprazan ata aquí. e os seus parentes as mobellas árticas (Gavia arctica), tamén  habituais na baía, aínda que en número máis reducido.

Os pentumeiros (Melanitta nigra), que se moven en grupo, son estraños patos negros, mergulladores e exclusivamente mariños que tamén invernan na Lanzada.

Outras migradoras que pasan o inverno no litoral galego e que a miúdo se ven desde terra alimentándose son os mascatos (Morus bassanus). Grandes e brancos, pescan realizando impresionantes mergulladuras desde os 40 m de altura, pregando as súas alas en forma de frecha para se introduciren verticalmente no mar.

Os carolos (Alca torda), son os “pingüíns” do hemisferio norte. Teñen tamaño medio, son de cor branca e negra contrastado e para se alimentaren mergúllanse batendo as alas.

Os carráns cristados (Sterna sandvicensis), tamén chamados andoriñas de mar polo seu voo errático, son aves esveltas e moi áxiles. Atraen a atención polas súas insistentes chamadas mentres voan (Keríííckkk, Keríííckkk…), ou polos picados alegres que realizan para atrapar peixiños.

Cun pouco de sorte tamén poderemos observar cruzando a baía algunha palleira grande (Stercorarius skua), ave rapaz de alta mar que acosa outras mariñas para lles roubar a súa comida.

Malia que non son moi frecuentes na Lanzada, se é posible ver mergullóns de pescozo negro (Podices nigricollis), entre o vaivén das ondas.

E onde a auga sexa protagonista, nunca faltarán corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo), sobre todo secando as súas alas ao sol.

En canto á familia das gaivotas, na baía temos gaivotas escuras (Larus fuscus), gaivotas choronas (Larus ridibundus), gaivotóns (Larus marinus) e preciosas gaivotas cabecinegras (Larus melanocephalus).

Como é evidente, nesta época veremos tamén aves costeiras residentes: gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) e os cada vez máis escasos corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis), que poden agruparse en nutridas balsas para pescaren ou descansaren sobre as rochas.

Aínda que non pertencen ao grupo das mariñas, por toda a costa pedregosa que rodea A Lanzada refúxianse limícolas como virapedras (Arenaria interpres), pilros tridácticos (Calidris alba), píldoras cincentas grises (Pluvialis squatarola), píllaras reais (Caradrius hiaticula)… e aves zancudas como garzas reais (Ardea cinérea) e garzotas (Egretta gazetta).

É todo un espectáculo observar desde diferentes puntos do litoral como a praia da Lanzada, o miradoiro da Pantoeira, a costa de Area da Cruz ou punta Abeleira, as aves mariñas que pasan o inverno na baía da Lanzada.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English