Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
SAÍDA PARA COÑECER AS AVES DA RESERVA ORNITOLÓXICA DO GROVE
15/01/2018

Pilro tridáctilo (Calidris alba). Ilustración Encarna González.

A Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO-Pontevedra, acaba de organizar unha serie de rutas guiadas por espazos naturais da provincia, de extraordinaria importancia para a biodiversidade, coa finalidade de dar a coñecer estes espazos e as especies que neles conviven.

Guiados por ornitólogos desta organización conservacionista percorrerase o Intermareal Umia-O Grove (Reserva Ornitolóxica de SEO/ BirdLife do Grove), o Esteiro do río Miño e Foz da Ramallosa e as Brañas de Xestoso, todos eles dentro da provincia de Pontevedra.

O primeiro percorrido será o día 21 de xaneiro polo Complexo Intermareal Umia-O Grove (Reserva Ornitolóxica de SEO/ BirdLife, O Grove). Pontevedra.

A biodiversidade deste lugar do Grove fixo que fose protexido con diferentes figuras como: Rede Natura 2000 (ZEC e ZEPA), Humidal de Importancia Internacional segundo Convenio Ramsar ou Zona de Especial Interese Comunitario. Tamén en 2014 foi declarado Reserva Ornitolóxica de SEO/ BirdLife.

Sen dúbida esta Reserva Ornitolóxica trátase do mellor lugar de Galicia e un dos mellores de España para a observación de aves acuáticas invernantes, tanto pola súa diversidade como pola sorprendente cantidade de aves que acolle, pois máis de 18.000 acúaticas visítannos nos meses fríos, e onde o elegante cullereiro ten a principal localidade de invernada e de paso migratorio galego.

Tamén son destacables as abundantes concentracións de limícolas como gabitas, virapedras, pilros, píldoras, mazaricos, píllaras, biluricos…; distintas especies de patos, garzas, gaivotas, carráns ou corvos mariños, que desde o norte de Europa se desprazan ata este recuncho do Grove para aproveitar a súa riqueza.

A excursión é gratuíta e de media xornada e as prazas son limitadas polo que é necesario inscribirse.

Información e inscricións para participar na saída en:

https://www.depo.gal/voando-nas-rias-baixas/intermareal-umia-o-grove

Esperámoste!!!

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English