Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
INFORME PÍLLARA DAS DUNAS 2018
30/10/2018

Polos do niño 4. 22/07/2018. G. Ferreiro.

Unha vez finalizada a tempada de cría, preséntanse os resultados por parte do grupo local SEO-Pontevedra, do seguimento da poboación reprodutora de píllara das dunas nas praias do Salnés durante o 2018, sendo o sétimo ano que SEO-Pontevedra custodia os niños nestes areais en colaboración cos vixiantes de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

O tamaño actual da poboación galega de píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) e a concentración de exemplares nun reducido número de localidades, convértena nunha especie altamente vulnerable fronte a acontecementos demográficos e ambientais, é por isto que foi clasificado “Vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, polo que se aprobou o Plan de Conservación do íllara das dunas en Galicia por parte da Xunta.

A área de estudo foi a península do Salnés (Pontevedra), onde as píllaras das dunas son comúns todo o ano, confirmando a reprodución no Concello do Grove, concretamente este 2018 na praia da Lanzada, estando ausentes como nidificantes nas praias da Mexiloeira e Area da Cruz (O Grove) e praia de Montalvo (Sanxenxo), aínda que nestes areais si houbo presenza de individuos na primavera. Por iso ao longo do período nidificante 2018 as actuacións para favorecer a súa reprodución desenvolvéronse maioritariamente na praia da Lanzada. As medidas de conservación da píllara das dunas durante a tempada 2018 leváronse a cabo desde o 13 de marzo ata o 16 de agosto e centráronse en:

1. Facer xestións ante as administracións e organismos implicados na conservación da especie, como Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela e Concello do Grove (que á súa vez forman parte do “Grupo Píllara”, creado a nivel galego, no que ademais están implicados grupos ambientalistas, e cuxa finalidade é coordinar as actuacións e as medidas de conservación do ano en curso do Plan de Conservación da Píllara das dunas en Galicia).

Tamén fixemos xestións coa Deputación de Pontevedra, Costas do Estado e Concello do Grove.

Voluntarios na praia.

2. Fixemos actuacións directas nas praias, con 130 xornadas de control por parte de 7 voluntarios do grupo local Seo-Pontevedra consistentes en:

- Localización de niños.

- Colaboración na protección de niños con gaiolas e parcelas de exclusión.

Transportando a "gaiola" protectora. E. González.

- Vixilancia a distancia de niños, adultos e pitos.

- Información da situación aos donos de cans que, infrinxindo a lei, os baixan á area.

- Información e asesoramento aos operarios da limpeza das praias e demais persoal que traballa nela.

- Microconferencias na praia a diferentes colectivos: nenos de campamentos de verán, grupos de xubilados, etc.

- Entre SEO-Pontevedra e o Concello do Grove volvéronse a organizar varias “Xornadas de Sensibilización e Divulgación” para usuarios na praia da Lanzada, onde se lles mostraron con telescopios, prismáticos e guías de aves, as píllaras aos bañistas e repartíronse folletos do “Grupo Píllara”. Estas accións foron moi produtivas e cunha alta participación.

Xornada de Sensibilización e Divulgación. X. Piñeiro.

- Este ano creamos marcapáxinas para entregarlles aos usuarios dos areais, onde aparece unha ilustración da píllara das dunas e un pito (para facilitar a súa identificación), e onde se dan unha serie de indicacións para que os usuarios se sensibilicen e poidan colaborar na conservación desta limícola.

- Colaboramos un ano máis coa Delegación de Pontevedra do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia na marcaxe con argolas de lectura a distancia, de 2 femias adultas e 4 pitos, na praia da Lanzada.

3. Outras actuacións divulgativas:

- Todos os anos facemos xornadas de educación ambiental en colexios da comarca.

-Así mesmo, deuse a coñecer o día a día da evolución dos niños e os problemas cos que se enfrontan as píllaras en blogs, WhatsApp e foros de aves, en entrevistas en radio e prensa escrita.

- Impartíronse conferencias e charlas da píllara das dunas en distintos eventos: “ Xornadas sobre aves reprodutoras de Galicia”, xornadas ambientais para asociacións de veciños, etc.

- Tamén é importante subliñar que o Concello do Grove continuou coas accións conservacionistas de non limpar A Lanzada e Area dá Cruz coa máquina peneiradora de area (que ademais de eliminar as algas, fonte de alimento de píllaras, destruía niños e causaba a morte de pitos novos). Tampouco volveron a colocar as illas de colecdores que se repartían polas praias, (que non só eran focos de atracción de depredadores, senón que facían que a camioneta de recollida de residuos circulase pola area podendo pisar ovos e matar poliños). Agora a limpeza é manual e selectiva, retirando só os residuos contaminantes.

Con estas medidas as praias mantivéronse en perfecto estado durante toda a tempada estival, o que indica que a limpeza mecánica é un procedemento inútil e daniño para o seu bo estado de conservación.

Informando do problema que causan os cans na praia. O. Gaitán.

Como resultados da nidificación da píllara das dunas en 2018 nas praias do Salnés, cómpre confirmar que esta tempada foi posible a reprodución da píllara das dunas na praia da Lanzada do Grove. Neste areal controláronse 3 parellas que realizaron 4 niños, os cales se balizaron. Eclosionaron os 4 niños achados, víronse 8 pitos nados sobre un total de 12 ovos incubados e vixiouse a evolución dos 8 pitos. A pesar das medidas de conservación adoptadas, a mortaldade de pitos continúa sendo considerable, sobre todo nas dúas primeiras semanas de vida, debido a unha serie de problemas de conservación:

Perturbacións humanas (presión demográfica, persoas cruzando a duna, realización de actividades lúdicas e deportivas na praia como o kitesurf na Mexiloeira…). Toda esta presión produce molestias na incubación, dificultades na obtención de alimento e tensión de adultos e pitos.

Outro factor adverso foi a presenza continua de cans, que causan tensións nas aves e depredación de pitos.

Tamén a incidencia de depredadores naturais, así como a climatoloxía adversa, aínda que estes son factores que forman parte do proceso natural.

Polo do niño 4. 21/07/2018. G Ferreiro.

Conclusión: volvemos incidir en que o turismo de praia e a cría da píllara das dunas ata certo punto son compatibles, pero é necesario seguir tomando medidas de conservación e corrixindo certos problemas para que a poboación da píllara das dunas non se extinga das nosas praias, tal como ocorreu no resto da costa norte peninsular.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English