Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
OUTRA VEZ MOBELLAS!
15/11/2018

Mobella grande (Gavia immer). J. Gómez.

Xa chegaron as mobellas grandes (Gavia immer) á Reserva Ornitolóxica do Grove.

As fermosas aves (polas que teño predilección), procedentes de Islandia onde nacen, un ano máis reaparecen na nosa baía da Lanzada, un dos mellores lugares das costas do norte da península Ibérica para observalas.

Pero, cal é o mellor punto da baía?

Son varios os puntos litorais onde os poderemos avistar:

Un é a pasarela de madeira que percorre a duna da Lanzada.

Malia que a pasarela non está moi elevada, cando as mobellas están próximas á praia, é idónea para velas de preto, agás polas tardes, cando o sol dá de fronte e impide apreciar as súas cores.

As súas coordenadas de posición son: 42°27'7.96"N 8°52'44.16"O

Outro lugar é a plataforma ornitolóxica da Pantoeira, situada no norte da praia da Lanzada, e á que se chega pola estrada que se dirixe a San Vicente do Mar, unha vez pasado o antigo sanatorio, que hoxe é unha pousada.

Este si é un punto elevado, bo para observar mobellas cando están próximas a este lado da costa e bo tamén cando queremos coñecer o total de aves que se reparten pola Lanzada, porque desde A Pantoeira abránguese bastante costa. Ten o inconveniente de que a partir de media mañá o sol dá de fronte, por iso está ben para as primeiras ou as últimas horas do día, cando as mobellas se agrupan para pasaren a noite.

Coordenadas de posición: 42°27'29.22"N 8°53'12.48"O

Ás veces hai mobellas na enseada de Area da Cruz, entrante de mar situado no lado norte da baía.

Para observar as súas mobellas, un bo lugar está fronte a Paxareiros, con enclavado entre as praias de Raeiros e Area da Cruz. Chégase nada máis pasar a praia de Raeiros, collendo a man esquerda por unha estreita e desapercibida vía sen saída, que acaba nas rochas do mar.

Desde este punto poderemos avistar as mobellas da enseada máis de preto. Ademais se a marea está alta, o afloramento rochoso é perfecto porque é zona de descanso de limícolas como virapedras, pilros comúns e tridáctilos, píllaras reais, píldoras cincentas, tamén de garzas e garzotas, carráns cristados, corvos mariños cristados, gaivotas cabecinegras e demais aves mariñas da baía, por iso resulta moi entretido.

Coordenadas de posición: 42°27'39.70"N 8°54'9.38"O

As mobellas grandes reaparecen e xa sabemos onde observalas, agora toca gozar desta marabilla da natureza.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English