Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
PATOS DA MARISMA
03/01/2019

Pato asubiador (Mareca penelope). Ilustración Encarna González.

As aves acuáticas son aquelas que viven en zonas húmidas, ben da costa ou do interior. Son acuáticas, as limícolas, as garzas ou os patos e en xeral as aves que dependen dos humidais para sobrevivir.

Os patos que pertencen ao grupo das anátidas adoitan ser aves migradoras, por iso son excelentes e rápidos voadores. Ademais, ao viviren na auga, están ben adaptadas á vida anfibia, por iso é polo que teñan patas palmeadas para poderen nadar con elegancia ou mergullaren con habilidade e teñen os picos planos e anchos para filtraren o alimento extraído da auga ou recolleren vexetación e pequenos animais acuáticos.

Na marisma do Vao dentro da Reserva Ornitolóxica do Grove, temos diversos exemplos de patos nadadores ou de superficie, que desde a Europa do norte chegan a pasar o inverno.

Entre eles o máis común e abundante: o lavanco (Anas platyrhynchos). Pato grande que se caracteriza pola súa cabeza verde brillante con irisacións e colar branco. En ambos os sexos o “espejuelo” é azul intenso. No inverno recibimos aves doutros países.

O pato asubiador (Mareca penelope), así chamado por emitir uns sons a modo de asubíos que se oen facilmente na marisma. Fisicamente caracterízase por ser un pato de mediano tamaño e ter unha banda amarela na fronte, cola negra e ventre branco. Nesta zona tamén é moi numeroso no inverno.

A cerceta (Anas crecca). É minúscula, a máis pequena das nosas anátidas. Ten a cabeza castaña cun anteface verde esmeralda e preto da popa ten unhas bandas laterais amarelas. O número de exemplares aumenta nos invernos fríos

Outro pato é o pato frisado (Mareca strepera). Ave moi discreta pola súa coloración grisácea na que só destaca a popa negra e o rechamante “espejuelo” branco.

Tamén temos o cullerete (Spatula clypeata). Pato moi belo, con aparente pescozo curto e gran peteiro filtrador ancho e plano. O peito branco destaca sobre os flancos marróns.

O pato rabilongo (Anas acuta), é o máis esvelto. Ten a cabeza cor chocolate. O pescozo longo e a cola longa apuntada cara arriba, danlle un aspecto moi elegante.

Algúns invernos adoitan verse pola marisma pero en números reducidos, outro grupo de anátidas: os gansos, xa sexa ganso bravo (Anser anser), que despistadamente afástanse dos seus lugares habituais de invernada: as lagoas interiores de Villafáfila ou La Nava, o ganso de cara negra (Branta bernicla), ganso pequeno e aspecto xeral negro, aínda que as partes inferiores son branco-grisáceas. Nesta tempada cinco gansos de cara negra móvense por distintos puntos da enseada do Vao.

Todas estas aves podémolas observar na Reserva Ornitolóxica do Grove, máis concretamente na marisma do Vao, alén da praia da Lanzada, e desde calquera dos observatorios instalados no bordo da marisma, marisma que lles ofrece aos patos un lugar onde invernar.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English