Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
PÍLLARA DAS DUNAS: ACTIVIDADES NA RESERVA, MESA DE TRABALLO E XORNADA TÉCNICA
17/05/2019

Para favorecer a nidificación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) na comarca do Salnés, fixéronse varias actividades de limpeza de residuos en praias da Reserva Ornitolóxica do Grove, unha mesa de traballo para os concellos do Grove e Sanxenxo e unha xornada técnica en Carballo (CO).

As actividades de limpeza organizounas SEO-Pontevedra en colaboración coa Fundación Biodiversidade e o Concello do Grove. Unha delas con 48 nenos voluntarios do IES Monte da Vila grovense, na que retiraron residuos na praia da Lanzada (a 1.ª xornada foi neste mesmo areal o 28 de novembro con 52 nenos).


O día 7 de maio tivo lugar a 3.ª xornada de retirada de contaminantes, pero agora con 31 rapaces do IES As Bizocas. Neste caso a limpeza e extracción de plantas exóticas invasoras fíxose na praia de Area da Cruz, outro areal do Grove onde aniñan as píllaras.

Con estas accións tanto profesores coma Concello e demais organizacións tratamos de que os nenos sexan conscientes da grande acumulación de lixo na contorna costeira e do seu impacto negativo na natureza e non só residuos de gran tamaño, senón principalmente microplásticos.


Tamén SEO-Pontevedra e a Sociedade Galega de Ornitoloxía levamos a cabo unha mesa de traballo nas dependencias de Medio Ambiente da Xunta de Galicia de Pontevedra, na que participaron técnicos e concelleiros dos concellos do Grove e Sanxenxo, ademais de Conservación da Natureza, Costas do Estado e Universidade de Santiago de Compostela, co fin de coordinar as actuacións nas praias con presenza de píllara das dunas destes concellos e así favorecer a súa conservación na comarca do Salnés.

Así mesmo, hai uns días o grupo de traballo “Píllara” organizamos en Carballo (CO), concello tamén comprometido coa conservación da píllara das dunas, unha xornada técnica cuxa finalidade foi potenciar nas praias da Costa da Morte e Ferrolterra a conservación desta limícola e facela compatible cos usos turísticos.


Concelleira y técnico de Medio Ambiente del Concello de O Grove.

A estas xornadas asistiron unhas corenta persoas entre grupos conservacionistas, concellos como O Grove (que unha vez máis expuxo a súa experiencia e animou a outros concellos), Universidade de Santiago, Xunta de Galicia, axentes medioambientais, Policía Autonómica...

Cremos que tanto as actividades de limpeza como a mesa de traballo e as xornadas técnicas foron moi produtivas e esperanzadoras.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English