AVES DESDE A MIÑA XANELA
Estes momentos tan difíciles e nos que pouco saímos ao exterior, podemos facelos máis levadeiros tan só con prestar atención cando nos asomemos ao balcón ou miramos pola xanela.
Cuns prismáticos e un cachiño de ceo poderemos gozar de moitas aves que se moven na nosa contorna e que sempre están despreocupadas e contentas, transmitíndonos esa felicidade, xa sexa cando as observamos ou cando escoitamos as súas chamadas.
Son as aves urbanas que a miúdo pasan desapercibidas pero que viven connosco, nas nosas vilas e cidades e que nos achegan moitos beneficios.
Por todo iso animámosvos a rexistrar todas as especies que observedes, o cal é moi doado:
- Durante uns minutos sairemos ao balcón ou á xanela para observar e escoitar atentamente as aves que nos rodean.
- Se temos prismáticos ou cámara de fotos, mellor; se non, a simple vista tamén vale.
- As horas ideais para detectar aves son pola mañá ou á tardiña.
- Nunha libretiña ou a través dalgunha aplicación para móbil, crea o teu propio caderno de campo.
Neste caderno anotaremos as observacións diarias:
• Data de observación: apuntar día, mes e ano.
• Lugar de observación: sinalar a rúa, o concello e a provincia onde se fai o avistamento.
• Hora de observación: anotar a hora en que empezamos a observación e na que a rematamos.
• Condicións climáticas: indicaremos a climatoloxía no momento do avistamento. Este apartado é opcional.
• Aves identificadas: escribiremos o nome común da ave e o número que vimos ou oímos.
• Se vos animades, incluso podedes facer algún debuxo da ave vista.
A lámina superior pode axudarnos na identificación das aves urbanas.
Enviada en