Novas do Proxecto PIO Grove

CRÓNICA DE VIAXE DÍA DAS AVES 2026

O domingo celebramos o Día das Aves na Reserva Ornitolóxica do Grove, a única reserva ornitolóxica de Galicia, situada no Complexo Intermareal Umia-O Grove.

E. González.

Foi unha xornada para achegarnos a este espazo natural, coñecer os seus valores e comprender a importancia das figuras de protección que deben garantir a súa conservación. Tamén dedicamos un momento especial ao xílgaro europeo, elixido Ave do Ano 2026 debido ao preocupante descenso das súas poboacións.

Comezamos a actividade, que contou cunha gran participación, visitando A Telleira (Villalonga, Sanxenxo), antiga fábrica de tellas hoxe moi fermosa e rehabilitada como Centro de Interpretación da comarca.

 Seguidamente percorremos os diferentes ambientes da zona: lagoas, intermareal, campos e áreas arboradas porque ofrecen refuxio e alimento a distintas especies, o que os converte en lugares privilexiados para a observación de aves.

Ao longo do percorrido descubrimos a súa diversidade e aprendemos a identificar algunhas das especies que o habitan. Os participantes gozaron da experiencia e sorprendéronse ao comprobar quanta vida pode concentrarse neste contorno.

En total, conseguimos identificar 60 especies de aves, mostra máis do extraordinario valor natural da Reserva Ornitolóxica e da necesidade de seguir protexéndoa.

Algunhas das especies identificadas: Espátula común (253), Flamenco rosa (17), Ostreiro eurasiático, Píllara cincenta, Pilro común, Mazarico rabinegro, Mazarico rabipinto, Mazarico real, Mazarico chiador, Bilurico común, Bilurico claro, Bilurico rabudo, Virapedras, Corvo mariño grande, Garza real, Garzota, Garza boieira, Mazarico negro, Pato culler, Asubión, Lavanco, Cerceta común, Pato frisado, Pato rabilongo, Pato colorado, galiñola negra, Folosa, Mergullón pequeno, Gaivota cabecinegra, Gaivota sombría, Gaivotón, Martiño peixeiro, Lavandeira cascadeira, Gatafornela, …

Enviada en - Ler entrada completa

DÍA DAS AVES 2026

E. González-

Chega unha nova edición do Día das Aves de SEO/BirdLife, unha celebración que terá lugar en toda España durante a fin de semana do 3 e 4 de outubro e que pretende achegar á sociedade ao coñecemento e a conservación destas especies e dos ecosistemas nos que habitan.


Ademais de formar parte do noso patrimonio natural, as aves desempeñan un papel fundamental no funcionamento dos ecosistemas. Entre as súas principais funcións encóntranse o control de determinadas pragas, a dispersión de sementes e a reciclaxe de nutrientes, procesos esenciais para manter o equilibrio ecolóxico e favorecer a biodiversidade, da que tamén depende a nosa calidade de vida.


A observación de aves constitúe unha forma sinxela e enriquecedora de achegarnos á natureza. Ao mesmo tempo identificar especies a través do seu aspecto, canto ou comportamento require atención, paciencia e concentración, e pode converterse nunha actividade beneficiosa tanto para o benestar físico como mental. 


Esta edición ofrece igualmente unha boa oportunidade para dar a coñecer ao xílgaro europeo, elixido como Ave do Ano, e sensibilizar sobre as ameazas que afectan ás súas poboacións. Aínda que continúa sendo unha especie habitual en numerosos territorios, enfróntase a diferentes factores de presión, entre eles a captura ilegal, o uso de praguicidas e herbicidas e determinadas prácticas agrícolas intensivas ou extensivas que poden reducir a dispoñibilidade de alimento e de hábitats axeitados.


Observar e coñecer as aves significa comprender mellor os ecosistemas e a necesidade de conservar a biodiversidade que sustenta a vida.


SEO-Pontevedra celebrará o Día das Aves o 4 de outubro cunha ruta guiada con ornitólogos pola Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife, dentro do Complexo Intermareal Umia-O Grove.
Este evento é aberto e gratuíto.
Convidámosvos a participar!
Se queres máis información sobre a saída só tes que enviarnos un correo a: 
 seo-pontevedra@seo.org

Enviada en - Ler entrada completa

MILES DE AVES SURCAN O CEO

G. Ferreiro.


Na actualidade, durante a migración posnupcial, a Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife no Grove convértese nun observatorio privilexiado para observar un dos fenómenos máis impresionantes da natureza: a migración das aves. Este proceso, fundamental para a supervivencia de moitas especies, representa un dos movementos máis complexos e coordinados no reino animal.
A migración aviar consiste en desprazamentos periódicos e regulados de individuos entre áreas de reprodución e zonas de invernada, en resposta a cambios estacionais na dispoñibilidade de recursos, principalmente alimento. Estes movementos, que se repiten en ciclos bianuais, non están motivados principalmente polas baixas temperaturas, senón polas súas consecuencias: a procura de condicións óptimas para a súa supervivencia como o alimento e a reprodución.
Grazas á súa capacidade de voo e ao seu extraordinario sentido de orientación —que combina a percepción do campo magnético terrestre, as estrelas e outros fenómenos ambientais—, as aves migratorias poden percorrer miles de quilómetros, atravesando continentes, océanos e mesmo hemisferios e grandes obstáculos naturais como montañas, desertos e mares, demostrando unha resistencia física e unha precisión de navegación sorprendente.


Pero, cantas aves cruzan os nosos ceos nestes desprazamentos masivos?


Aínda que resulta difícil obter cifras exactas, diversos estudos e estimacións de ornitólogos permiten aproximar o volume desta migración. Na nosa rexión, calcúlase que as especies migratorias principais inclúen:

• 900 millóns de mosquiteros musicais (Phylloscopus trochilus)
• 375 millóns de paporrubios (Emberiza arborea)
• 260 millóns de papamoscas cerrojillos (Ficedula hypoleuca)
• 250 millóns de andoriñas comúns (Hirundo rustica)
• 40 millóns de aves rapaces (como Milvus milvus e Accipiter spp.)
• 700.000 cegoñas brancas (Ciconia ciconia)
• Etc, etc.


Sumando estes datos, estímase que preto de 5.000 millóns de aves realizan este desprazamento entre Europa e África en cada ciclo migratorio.
Este éxodo que cruza os nosos ceos en dúas ocasións ao ano non só representa un logro fisiolóxico e comportamental das especies, senón tamén un indicador clave da saúde dos ecosistemas globais e dos cambios climáticos en curso.
E é asombroso que unha cantidade tan inxente de criaturas que atravesan os ceos do noso planeta nun espectáculo silencioso e maxestoso, moitas veces permanece invisible, como un segredo gardado no máis alto, esperando que alguén poida descubrilo.

Enviada en - Ler entrada completa

TURISMO DE FUTURO

E. González.

O turismo sostible consolidouse como unha ferramenta clave para impulsar un desenvolvemento equilibrado.


 As Nacións Unidas destacan a súa importancia polo impacto que ten na economía de numerosos países, entre eles España, pero tamén lembran que o seu crecemento debe ir acompañado dun compromiso real coa protección do medio ambiente. Cando a actividade turística non se desenvolve de forma responsable, pode xerar efectos negativos sobre os ecosistemas, a biodiversidade e as comunidades locais.


Dentro deste modelo, o turismo responsable representa unha forma de viaxar que combina o desfrute da natureza coa súa conservación e o respecto pola contorna. Ademais de favorecer a protección dos espazos naturais, achega beneficios para a saúde física, mental e emocional de quen o practica, ao fomentar o contacto con ambientes naturais e actividades ao aire libre.


Para as Nacións Unidas, o turismo sostible constitúe un motor de desenvolvemento nos ámbitos económico, social e ambiental. Tamén é unha ferramenta capaz de promover a educación ambiental, contribuír á redución da pobreza, mellorar a calidade de vida, xerar emprego digno e favorecer a igualdade de oportunidades, especialmente para mulleres e mozos. Por iso, anima ás administracións públicas, organizacións e axentes implicados a impulsar iniciativas baseadas na cooperación e a sostibilidade, convertendo o turismo nun instrumento de transformación positiva.


En España, SEO/BirdLife xestiona unha Rede de Reservas Ornitolóxicas integrada por dez espazos naturais distribuídos por diferentes comunidades autónomas. Estes lugares, administrados en colaboración con concellos e propietarios privados, convertéronse en referentes para o turismo ornitolóxico. Entre eles destacan Riet Vell, no Delta del Ebro; El Planerón, no val do Ebro; Las Marismas Blancas, en Astillero; Los Albardales, na Comunidad de Madrid; e El Oso, en La Moraña (Ávila). En todos eles organízanse visitas guiadas e actividades de observación de aves que permiten contemplar especies mariñas, esteparias, acuáticas, rapaces e numerosas aves paseriformes.


Galicia tamén conta cun espazo de gran valor para esta modalidade turística: a Reserva Ornitolóxica do Grove. Creada para protexer a súa extraordinaria riqueza avifaunística e a excelente calidade dos seus ecosistemas. Esta reserva, que ocupa unha parte importante da península do Grove, é a maior Reserva Ornitolóxica de España, a única existente en Galicia e a primeira da rede que incorpora un importante medio mariño.


A Reserva Ornitolóxica do Grove ofrece moito máis que a observación de aves. As súas paisaxes, a diversidade de hábitats e a riqueza natural compleméntanse cun destacado patrimonio cultural, etnográfico e gastronómico, proporcionando unha experiencia completa para o visitante. Todo iso converte este enclave nun destino ideal para quen busca un turismo responsable, en contacto coa natureza e beneficioso para o benestar persoal.

Enviada en - Ler entrada completa

LA LAVANDERA BOYERA: DESTELLO AMARILLO EN LA DUNA DE LA LANZADA

E. González.

Se paseamos pola pasarela ou pola praia da Lanzada, non é raro que un pequeno destello amarelo atraia a nosa mirada entre as prantas dunares: trátase da lavandeira amarela (Motacilla flava), unha das aves máis vistosas dos nosos campos.


Esta paxariño destaca pola súa intensa coloración amarela, especialmente visible no peito e no ventre. O seu dorso verde oliva e o seu característico costume de mover a cola de arriba abaixo fan que sexa inconfundible. De feito, o seu nome científico, Motacilla, fai referencia precisamente a ese continuo balanceo da cola mentres camiña polo chan na procura de alimento.


A lavandeira amarela é unha auténtica especialista dos ambientes húmidos. Frecuenta prados asolagados, marismas, beiras de lagoas, esteiros, cultivos de regadío pero tamén sistemas dunares, onde captura insectos tanto no chan como en voo. A miúdo pódese observar seguindo o gando vacún, aproveitando os insectos que levantan as reses ao seu paso, un costume que lle valeu o nome de «boieira».


O seu canto é breve e agudo, mentres que os seus reclamos resultan suaves e agradables. Durante a época reprodutora constrúe o niño agochado entre a vexetación, directamente sobre o chan, e pode realizar ata dúas postas entre marzo e agosto.

Trátase dunha especie migradora que pasa o inverno na África subsahariana. Cada primavera regresa a Europa para reproducirse. En España está presente entre marzo e outubro, sendo relativamente común en moitas zonas húmidas da Península e tamén en Galicia, onde é unha reprodutora habitual.


Ademais, España convértese nun importante corredor migratorio para distintas poboacións europeas de lavandeira boieira, o que permite observar exemplares con sorprendentes variacións na cor e no deseño da cabeza segundo a súa zona de procedencia.


Pequena, elegante e sempre inqueda, a lavandeira amarela achega un toque de luz dourada aos humidais, pradeiras e dunas como as da Lanzada, onde nidifican varias parellas, lembrándonos a importancia de conservar estes valiosos ecosistemas.

Pequeña, elegante y siempre inquieta, la lavandera boyera aporta un toque de luz amarilla a los humedales, praderas y dunas como la de A Lanzada donde nidifican varias parejas recordándonos la importancia de conservar estos valiosos ecosistemas.


Enviada en - Ler entrada completa