ESCOITAR A NOITE PARA COÑECER O DÍA
Cando o sol se agocha, a natureza comeza a falar. A noite tamén nos fala da paisaxe.
Curuxas, mouchos das ourellas europeos, mouchos paleárticos e noiteboas cincentas converten as horas de escuridade nun momento clave para coñecer a saúde das paisaxes.
A Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife de O Grove non queda en silencio. Ao contrario: comeza unha nova quenda de actividade. Algunhas das aves que durante o día pasan completamente desapercibidas saen entón na procura de alimento, para comunicarse e percorrer o seu territorio. Son as aves nocturnas.
É o momento da curuxa común (Tyto alba), do moucho de orellas europeo (Otus scops), do moucho paleártico (Athene noctua) —especie que tamén pode observarse e escoitarse durante as horas de luz— e da noiteboa cincenta (Caprimulgus europaeus).
Deste grupo de aves nocturnas, na nosa comarca temos dúas especies residentes que permanecen connosco durante todo o ano: a curuxa e o moucho paleártico, e dúas migradoras que só veñen á nosa zona para criar na primavera/verán: o moucho de orellas pequenas e a noiteboa cincenta.
Todas elas forman parte, ademais, do programa Noctua de SEO/BirdLife, que realiza un seguimento das poboacións de aves nocturnas en España.
Observar e rexistrar as especies presentes na Reserva, e comprobar como evolucionan as súas poboacións ao longo dos anos, axúdanos a comprender que está a acontecer nos hábitats que nos rodean.
Por que atopamos aquí especies diferentes?
Unha das claves está na propia paisaxe.
A comarca reúne un variado mosaico de campos agrícolas, prados, matogueiras, zonas forestais e espazos máis abertos. As construcións abandonadas tamén son importantes porque ofrecen refuxio e lugares axeitados para criar. Esta diversidade proporciona alimento e refuxio a aves con formas de vida diferentes.
Que está a acontecer con elas?
Os datos e observacións recompilados por ornitólogos e naturalistas da zona mostran que as distintas especies non evolucionan do mesmo xeito.
A curuxa común presenta un forte declive. O moucho das orellas europeo experimenta importantes variacións duns anos a outros, mentres que o moucho paleártico, estreitamente ligado ás paisaxes agrícolas, mostra unha diminución moderada. Pola contra, a noiteboa cincenta mantén unha tendencia estable.
Estas diferenzas son importantes porque nos lembran que a fauna responde de maneira distinta ás transformacións do territorio.
A dispoñibilidade de alimento, a transformación ou desaparición de determinados ecosistemas, a perda de lugares de cría ou os cambios nas prácticas agrícolas poden ter consecuencias moi diferentes segundo a especie.
As aves son indicadores do que acontece ao noso arredor. Cando unha poboación diminúe, aumenta ou desaparece dun lugar, pode estar revelando cambios no ecosistema que non sempre percibimos a simple vista.
Por iso é tan importante seguir escoitándoas e observándoas. A súa presenza proporciónanos información valiosa sobre a saúde do noso contorno e sobre a biodiversidade que aínda conserva a nosa paisaxe.
Protexer as aves nocturnas é protexer os ecosistemas que compartimos e, ao mesmo tempo, coidar do noso propio benestar.
Enviada en