A AVENOITEIRA CINCENTA (Caprimulgus europaeus)


​

Avenoiteira cincenta. Ilustración: Encarna González.


Sombra do crepúsculo que se escorre entre as árbores. Rosmar afastado de noites de verán.

Esta é a avenoiteira cincenta, unha ave solitaria e descoñecida cuxa silueta estilizada é posible entrever nos luscofuscos estivais o á mañanciña, en arboredos con claros. Durante o día permanece inmóbil en pólas ou oculta no chan do bosque confiando no excelente mimetismo da súa fermosa plumaxe apincarada. Ten cola e alas longas. En voo a súa silueta é parecida á do cuco e voa lenta e erraticamente con algúns pairos e longos planares, coas ás ríxidas en forma de “V”. Durante o cortexo o macho palmea coa súas alas e voa alternando lentos batidos con pairos para mostrar as manchas brancas alares.

Detéctase polo seu estraño canto nocturno, un rosmar mecánico con cambios de marcha e algunhas pausas cortas que poden durar horas: “PRRRR-rrrrrr-RRRR-rrrrr…”, parecido ao afastado son dun motor.

Aliméntase de couzas e outros insectos voadores que captura ao voo coa boca aberta extremadamente grande.

En xeral frecuenta zonas abertas con arboredo disperso ou beiras de bosque: devesas de aciñeiras e carballos, freixais ou bosques mixtos. Tamén piñeirais abertos, ou de recente repoboación con claros, así como páramos, estepas e matogueiras, situados xeralmente en zonas elevadas. Evita áreas densamente forestadas.

Non constrúen niño, senón que poñen dous ovos entre maio e xullo nunha depresión superficial do chan sen revestir, preto dalgunha vexetación. Utilízano durante varios anos e poden facer dúas niñadas. Algunhas especies de avenoiteira realizan postas antes da lúa chea para que cando nazan os pitos poidan atrapar facilmente insectos nocturnos á luz da lúa. Os pitos son seminidífugos.

É unha ave estival estritamente migradora que inverna en latitudes tropicais de África chegando ao noso territorio en abril e maio e partindo entre setembro e outubro.

Agora podemos oír a avenoiteira por case todo o municipio do Grove, principalmente en zonas formadas por piñeirais abertos sen cobertura de mato, agás na parte máis poboada do extremo norte e no deforestado istmo da Lanzada. Calcúlase que no Grove e contorna crían entre 15 ou 30 parellas de avenoiteira cincenta. 

Os estraños nomes de Chotacabras (en castelán) e Caprimulgus veñen de crenzas infundadas de que mamaban das cabras.

Enviada en

Ver outras novas