GAIVOTA DE BONAPARTE
Durante o mes de maio visitou a Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife do Grove unha gaivota de Bonaparte (Chroicocephalus philadelphia).
Estivo varios días movéndose entre a enseada de Terra de Porto, onde se alimentaba xunto a gaivotas choronas, e Con Roibo, onde descansaba coa preamar.
A philadelphia é un lárido similar á gaivota chorona, pero máis pequena, coa cabeza máis redondeada e o pico e as patas máis curtas. Esta gaivota ten o píleo agrisado e as ás e a cola están bordeadas de negro.
O que chama a atención desta gaivota é que é propia do continente americano. Nidifica ao norte de América do Norte, desde Alaska ata a baía de James, criando en pozas e turbeiras de bosques boreais de coníferas, tanto na costa como no interior. Inverna nas costas de Estados Unidos, México e as Antillas.
En Europa hai distintos rexistros destas aves, sobre todo nas illas británicas. En España tamén hai citas, destacando as costas de Galicia, ademais de litorais do norte, Canarias e Andalucía. Para o Concello e a Reserva Ornitolóxica do Grove é a primeira cita.
Probablemente esta ave chegou ao municipio meco debido aos temporais de maio, que a empuxaron desde as costas americanas, a través do océano Atlántico, ata a nosa reserva.
Oxalá esta pequena e graciosa gaivota atope o seu destino.
Enviada en