A LANZADA NO INVERNO


Carrán cristado. E. González.


Durante estes meses fríos é moi interesante achegarse á baía da Lanzada, dentro da Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife do Grove, para gozar das aves mariñas deste espazo natural.

Desde calquera punto costeiro do Grove que bordea esta baía, como a pasarela de madeira que atravesa o istmo da Lanzada, o miradoiro de Pantoeira, a costa de Raieros, Area da Cruz, Abeleira etc., poderemos observar animais do medio mariño como os mascatos (Morus bassanus), aves grandes que para pescaren se poden tirar desde unha altura de 40 metros. Animais tan fermosos como as mobellas, especies lacustres que nacen no extremo norte de Europa, pero que no inverno baixan ás costas máis meridionais europeas, volvéndose mariñas e costeiras. Entre eles temos na Lanzada mobellas grandes (Gavia immer) e alhunha mobella ártica (Gavia arctica).

Tamén poderemos gozar dos pentumeiros (Melanitta nigra), parrulos mariños, negros e mergulladores e que na Lanzada adoitan moverse en grupos compactos. 

Os corvos mariños, coñecidos por todos, abundan neste litoral. Tanto o corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo), que pasa só estes meses na baía e o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), máis pequeno e, como comentamos noutras ocasións, especie que si nidifica nas nosas costas, pero que está ameazada, pois nos últimos anos sufriu un forte declive.

Non faltan variedade de gaivotas: choronas, de patas amarelas, escuras e as bonitas cabecinegras (Larus melanocephalus), parecidas ás gaivotas choronas, ademáis das andoriñas de mar, chamadas así pola súa cola aforquillada e o seu voo errático como o carrán cristado (Sterna sandwicensis).

Tamén é posible observar nas rochas do norte desta baía distintas limícolas como os virpedras (Arenaria interpres) e outras que van descansar aos illotes durante a preamar: pilros tridáctilos (Calidris alba) e comúns (Calidris alpina), píllaras reais (Charadrius hiaticula), píldoras cincentas (Pluvialis squatarola), mazaricos chiadores, mazaricos rubios...

Non queremos esquecernos dos arroazes (Tursiops truncatus), que ás veces se aproximan a estas augas para alimentarse e que son todo un espectáculo.

Se nos achegamos ao Grove para gozar das aves do Complexo intermareal Umia-Ou Grove, acordémonos de dedicarlle un tempo á baía da Lanzada, por algo forma parte da Reserva Ornitolóxica de SEO/BirLife.

​

Enviada en

Ver outras novas