MÁIS DE 2.500 CIENTÍFICOS PIDEN OUTRA POLÍTICA AGRÍCOLA NA UE

Trigueirón. Miliaria calandra. Foto: G. Ferreiro.


Aves, mamíferos, réptiles, anfibios e insectos en toda Europa están a sufrir fortes declives poboacionais debido a prácticas agrícolas nocivas. Agora, máis de 2.500 científicos de máximo nivel de toda Europa uníronse para reclamarlle á UE unha reformar profunda da actual Política Agrícola Común (PAC) e frear o declive da natureza.

Organizacións que representan a máis de 2.500 científicos de toda Europa, entre eles diferentes membros de BirdLife, e dalgúns estados non membros uníronse por primeira vez para enviarlle unha carta ao Parlamento Europeo na que describen o “consenso científico inequívoco” sobre a relación entre a intensificación da agricultura e a perda crecente de biodiversidade.

Os científicos instan á UE para transformar a PAC nunha ferramenta fronte ao cambio climático e a perda de biodiversidade, en lugar de mantela como un detonante do declive ambiental.

Actualmente, a cidadanía europea paga preto de 60.000 millóns de euros anuais en subvencións da PAC, que van na súa maioría á agricultura intensiva e industrial. Este modelo agrícola actual favorece a perda de biodiversidade, a contaminación e o saqueo da auga, a perda de calidade do aire, aumentos drásticos no uso de praguicidas e contribúe a acentuar a crise climática.

As poboacións de aves agrarias, indicador excelente da calidade ambiental de áreas agrícolas, sufriron un afundimento do 55% entre 1980 e 2015. A poboación de insectos nalgúns espazos naturais de Alemaña, por exemplo, reduciuse nun 76% en menos de 30 anos. A transformación de cultivos tradicionais en cultivos de regadío, a destrución de  lindeiros arbustivos e illas de biodiversidade nos campos ou a destrución de pastos tradicionais son algunhas das múltiples causas que levaron a diferentes sociedades científicas a pedir outra política agraria ante a Unión Europea.

Enviada en

Ver outras novas