PÍLLARA DAS DUNAS HOXE
Esta tempada está sendo bastante complicada para a reprodución da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), na Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife do Grove.
Por agora foron bastantes os niños que localizamos na praia. Algúns desapareceron por causa dos temporais de primavera e outros foron depredados ou abandonados. Tamén houbo ovos que non chegaron a eclosionar e varios polos morreron por causa do frío e a chuvia deste verán tan atípico.
Pero aínda queda 1 niño onde os adultos están incubando e hai 6 pitos no areal, destes, 4 xa fan voos curtos.
Tamén cómpre dicir que malia que hai menos cans na praia, algún sempre se coa, a pesar da nosa vixilancia, da do persoal de medio ambiente, da policía local e do Seprona. De momento levamos 113 donos de mascotas informados.
IMPACTO DOS RESIDUOS MARIÑOS NAS PÍLLARAS
Nunha das inspeccións rutineiras, comprobamos que un dos polos tiña unha maraña de tanza moi fina enleada nas patas. Isto impedíalle moverse con normalidade e condenaríao a unha morte segura.
Exemplo ilustrativo do impacto negativo que causan os residuos contaminantes dos océanos que chegan ás nosas praias con píllaras das dunas.
Por sorte conseguimos capturar o pito e liberalo a tempo da tanza, o cal marchou correndo coa súa familia. Durante algúns días coxeou un pouco, pero agora camiña ben.
Enviada en