POlIÑOS NAS PRAIAS

Poliño de píllara das dunas. G. Ferreiro.


Xa naceron poliños de píllara das dunas na Reserva Ornitolóxica do Grove, un acontecemento que marca o inicio dunha etapa tan fascinante como delicada para esta especie.

Desde as súas primeiras horas de vida, estas pequenas crías dependen case por completo do seu pai, que asume a responsabilidade de protexelas, guialas e ensinarlles a alimentarse. Durante varias semanas, acompáñaas incansablemente pola praia, amosándolles como atopar alimento e manterse a salvo, ata que desenvolven a capacidade de voar e acadar a súa independencia.

Porén, este proceso non é sinxelo. Durante aproximadamente un mes, os poliños permanecen na area sen teren desenvolvido aínda as plumas de voo, o que os fai extremadamente vulnerables. Neste período crítico, deben enfrontarse a múltiples ameazas: desde depredadores naturais ata a presenza de animais domésticos, especialmente cans que acceden á praia, xa sexa soltos ou mesmo atados.

A presenza de cans non só supón un risco directo para os poliños, senón que tamén xera un elevado nivel de estrés nos adultos, alterando o seu comportamento e podendo provocar o abandono do niño ou das crías, con consecuencias fatais.

Por iso, apelamos á responsabilidade e sensibilidade de todas as persoas que visitan estas praias. É fundamental respectar a normativa vixente e a sinalización existente que prohibe o acceso de cans, co fin de garantir a supervivencia destes fráxiles animais e contribuír á conservación dunha especie tan valiosa como vulnerable.


Enviada en

Ver outras novas