TURISMO DE FUTURO

E. González.

O turismo sostible consolidouse como unha ferramenta clave para impulsar un desenvolvemento equilibrado.


 As Nacións Unidas destacan a súa importancia polo impacto que ten na economía de numerosos países, entre eles España, pero tamén lembran que o seu crecemento debe ir acompañado dun compromiso real coa protección do medio ambiente. Cando a actividade turística non se desenvolve de forma responsable, pode xerar efectos negativos sobre os ecosistemas, a biodiversidade e as comunidades locais.


Dentro deste modelo, o turismo responsable representa unha forma de viaxar que combina o desfrute da natureza coa súa conservación e o respecto pola contorna. Ademais de favorecer a protección dos espazos naturais, achega beneficios para a saúde física, mental e emocional de quen o practica, ao fomentar o contacto con ambientes naturais e actividades ao aire libre.


Para as Nacións Unidas, o turismo sostible constitúe un motor de desenvolvemento nos ámbitos económico, social e ambiental. Tamén é unha ferramenta capaz de promover a educación ambiental, contribuír á redución da pobreza, mellorar a calidade de vida, xerar emprego digno e favorecer a igualdade de oportunidades, especialmente para mulleres e mozos. Por iso, anima ás administracións públicas, organizacións e axentes implicados a impulsar iniciativas baseadas na cooperación e a sostibilidade, convertendo o turismo nun instrumento de transformación positiva.


En España, SEO/BirdLife xestiona unha Rede de Reservas Ornitolóxicas integrada por dez espazos naturais distribuídos por diferentes comunidades autónomas. Estes lugares, administrados en colaboración con concellos e propietarios privados, convertéronse en referentes para o turismo ornitolóxico. Entre eles destacan Riet Vell, no Delta del Ebro; El Planerón, no val do Ebro; Las Marismas Blancas, en Astillero; Los Albardales, na Comunidad de Madrid; e El Oso, en La Moraña (Ávila). En todos eles organízanse visitas guiadas e actividades de observación de aves que permiten contemplar especies mariñas, esteparias, acuáticas, rapaces e numerosas aves paseriformes.


Galicia tamén conta cun espazo de gran valor para esta modalidade turística: a Reserva Ornitolóxica do Grove. Creada para protexer a súa extraordinaria riqueza avifaunística e a excelente calidade dos seus ecosistemas. Esta reserva, que ocupa unha parte importante da península do Grove, é a maior Reserva Ornitolóxica de España, a única existente en Galicia e a primeira da rede que incorpora un importante medio mariño.


A Reserva Ornitolóxica do Grove ofrece moito máis que a observación de aves. As súas paisaxes, a diversidade de hábitats e a riqueza natural compleméntanse cun destacado patrimonio cultural, etnográfico e gastronómico, proporcionando unha experiencia completa para o visitante. Todo iso converte este enclave nun destino ideal para quen busca un turismo responsable, en contacto coa natureza e beneficioso para o benestar persoal.

Enviada en

Ver outras novas