Novas

AS ALGAS: GRANDES ALIADAS DAS NOSAS PRAIAS


E. G.

Coa chegada do verán e o aumento das visitas ás praias, é un bo momento para lembrar que as algas depositadas na beira non son lixo, senón unha peza fundamental dos ecosistemas costeiros.

As praias son espazos vivos e dinámicos, onde cada elemento cumpre unha función. As algas varadas proporcionan alimento e refuxio a numerosas especies de pequenos invertebrados, que á súa vez forman parte da dieta de aves costeiras tan emblemáticas como a píllara das dunas. Ademais, ao descompoñerse, devolven nutrientes ao mar e contribuien a manter a sua productividade.

As algas tamén desempeñan un papel esencial na formación e conservación das dunas, xa que reteñen area transportada polo vento e favorecen o desenvolvemento da vexetación dunar. Estas dunas actúan como unha barreira natural fronte á erosión e son indispensables para a conservación das praias.

Por este motivo, nas praias do Grove integradas na Rede Natura 2000 e consideradas áreas prioritaria para a conservación da píllara das dunas, apostouse por unha limpeza manual e selectiva. Deste xeito, retíranse unicamente os residuos e contaminantes, como plásticos, vidros ou latas, mantendo os procesos naturais que garanten a saúde do litoral.

Coidar das algas é tamén coidar das praias, das aves e do noso patrimonio natural.

Enviada en - Ler entrada completa

PÍLLARA DAS DUNAS “VOANDO POLAS RÍAS BAIXAS”

E. G.

En colaboración coa Deputación de Pontevedra, dentro do programa "Voando polas Rías Baixas", organizamos unha nova saída de educación ambiental dirixida a persoas adultas. Nesta ocasión, o obxectivo foi percorrer algunhas das praias da Reserva Ornitolóxica do Grove para coñecer de preto a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), unha especie protexida que atopa nestes areais un dos seus principais lugares de reprodución.


A píllara das dunas é unha pequena limícola perfectamente adaptada á vida nas praias. A súa plumaxe confúndese coa area, unha estratexia que lle permite pasar desapercibida fronte aos depredadores, pero que tamén fai que os seus niños e poliños sexan moi difíciles de detectar polas persoas. Precisamente por iso, durante a época de cría resulta fundamental respectar as zonas sinalizadas e evitar calquera molestia que poida comprometer o éxito reprodutor da especie.


Durante a excursión percorremos dous dos areais onde nidifica esta emblemática ave. Coa axuda de prismáticos e telescopios puidemos observar, sempre desde unha distancia prudente, as diferentes medidas de conservación que se levan a cabo para protexer a píllara das dunas: balizados das áreas de nidificación, paneis informativos e o seguimento continuo dos niños e dos poliños por parte do persoal especializado.


Ademais compartimos cos participantes as principais ameazas ás que se enfronta a especie cada tempada. A elevada afluencia de visitantes, o tránsito fóra dos camiños sinalizados, a presenza de cans soltos e determinadas actividades recreativas poden provocar o abandono dos niños ou poñer en perigo as crías, que durante os seus primeiros días de vida dependen completamente de permanecer agochadas entre a area.


A xornada tamén nos permitiu descubrir a gran biodiversidade que albergan as praias e os sistemas dunares. Observamos diversas especies de aves que comparten este valioso ecosistema coa píllara das dunas, demostrando que estes espazos son moito máis ca lugares de lecer: constitúen auténticos refuxios para unha gran variedade de fauna.

E.G.

Como broche final, achegámonos á lagoa da Bodeira, un humidal de grande interese ornitolóxico, onde identificamos varias especies características deste medio. Entre elas destacaban os lavancos reais e patos cincentos acompañados dos seus patiños, galiñas de auga comúns, mergulletes comúns, así como anduriñas e cirrios que sobrevoaban a lagoa na procura de insectos.


Unha vez máis, esta actividade puxo de manifesto que coñecer a natureza é o primeiro paso para protexela. A sensibilización ambiental e o respecto polos espazos naturais son ferramentas fundamentais para garantir que especies tan fráxiles como a píllara das dunas sigan criando cada primavera nas praias das nosas Rías Baixas.

​

Enviada en - Ler entrada completa

DESCUBRINDO A PÍLLARA DAS DUNAS: LECCIÓN DE NATUREZA NAS PRAIAS DO GROVE


E. González.

Cada ano achegamos ao alumnado de 6.º de Primaria dos centros educativos do Grove á fascinante diversidade de aves que habitan na súa contorna máis próxima. Estas actividades permítenlles coñecer de primeira man a riqueza natural que os rodea e comprender a importancia de conservala.


Nesta ocasión, a proposta foi diferente á doutros anos. En lugar de centrarnos nas aves migratorias que visitan as nosas costas durante o inverno, dedicamos a xornada a coñecer unha das especies reprodutoras máis emblemáticas e vulnerables da comarca: o píllara das dunas, unha limícola que atopa nas nosas praias un dos seus escasos refuxios para criar.


E. González.    

A actividade comezou nas aulas, onde o alumnado participou nunha charla divulgativa sobre a bioloxía desta especie e os desafíos aos que se enfronta para sobrevivir. A perda de hábitat, as molestias provocadas pola actividade humana e a presión sobre as zonas de nidificación son algunhas das ameazas que poñen en risco as súas poboacións.


Despois chegou o momento máis agardado: a visita á praia onde nidifica esta ave. Equipados con prismáticos e telescopios, os nenos puideron observar varios exemplares sen interferir no seu comportamento, aprendendo así a importancia de gozar da natureza dun xeito respectuoso. Ademais do píllara das dunas, a praia ofreceu a oportunidade de descubrir outras aves mariñas que comparten este valioso ecosistema costeiro.


A xornada continuou na lagoa da Bodeira, un espazo de grande interese para a fauna acuática. Alí, entre xunqueiras e augas tranquilas, apareceron ante os nosos ollos diferentes especies de parrulos, mergullóns pequenos, galiñolas negras, andoriñas e cirrios comúns, entre outras moitas aves que utilizan este humidais como refuxio, zona de alimentación ou lugar de descanso.


E. González.


Máis alá das observacións realizadas, o verdadeiro valor desta experiencia reside en espertar a curiosidade e o interese das novas xeracións pola natureza. A ilusión e o entusiasmo amosados polo alumnado —e tamén polo profesorado— recórdanos que a educación ambiental é unha ferramenta fundamental para a conservación.

E. González.

Quizais algúns destes mozos e mozas observadores se convertan no futuro en defensores da biodiversidade. Polo de agora, quedamos coa satisfacción de ter posta unha pequena semente de respecto e admiración pola natureza. Co tempo, coidado e coñecemento, agardamos que esa semente medre e dea os seus froitos.

Enviada en - Ler entrada completa

AVES CHEGADAS DE ÁFRICA


Noiteboa cincenta. Ilustración Encarna González.

Tras os duros meses de temporais invernais, nos que moitas aves acuáticas marcharon cara ao norte de Europa para reproducirse, a primavera devolve a vida á paisaxe. Con ela chegan desde África numerosas especies que, tras cruzar desertos, montañas e mares, alcanzan a península do Grove, convertida nun auténtico refuxio para a nidificación.


No bulicio do corazón urbano do Grove, entre prazas e rúas, despregan os seus acrobáticos voos os cirrios. Estas aves escuras, de silueta en forma de media lúa, son auténticas viaxeiras do aire: poden pasar máis de dous anos sen pousarse. Os seus característicos asubíos, “ci-riiiiii”, anuncian a chegada do bo tempo e enchen o ceo de vida.


Ao caer a tarde, nos pinares da comarca, como os da illa da Toxa, escóitase o canto monótono do moucho de orellas europeo, un diminuto bufo migrador procedente do sur do deserto do Sahara pero sin chegar ao bosque tropical. Discreto e difícil de ver, aliméntase principalmente de insectos, o que o converte nun aliado natural dos nosos ecosistemas.


No monte da Siradella resoa o inconfundible canto do cuco, cada vez máis escaso, mentres na penumbra do solpor se activa a noiteboa cincenta, ave de hábitos nocturnos que aniña directamente no chan e cuxo voo silencioso pasa moitas veces desapercibido.


A lagoa da Bodeira convértese nun concerto natural onde, xunto ao croar das ras, se suman as folosa das canaveiras, as folosas políglotas e as rulas europeas. Todos eles atopan na vexetación densa un lugar ideal para agochar os seus niños e criar aos seus polos.


Nos campos que aínda conservan certa actividade agrícola aparecen especies entrañables como a bubela co seu rechamante penacho, ou as anduriñas, que seguen asociadas ás nosas vivendas e ás que a tradición atribúe boa sorte alí onde deciden instalar o seu niño.


No sistema dunar da Lanzada xa crían no chan as lavandeiras amarelas. E na praia escóndese un dos maiores tesouros dos nosos areais: o píllara das dunas, unha pequena ave limícola en perigo que deposita os seus ovos directamente sobre a area. A súa supervivencia depende en gran medida do respecto humano, polo que é fundamental evitar molestias e protexer as súas zonas de cría.


Pero o Grove, situado entre as rías de Pontevedra e Arousa, non é só terra: tamén é mar e costa rochosa. Aquí atopamos especies moi ameazadas, aínda que non procedan de África. Unha delas é a pardela balear, catalogada en perigo crítico de extinción, con apenas unhas 3.000 parellas no mundo. Desde as súas colonias nas Illas Baleares, percorren a costa ibérica ata Francia en busca de alimento, facendo escala na baía da Lanzada para descansar e recuperar forzas.

Outra especie destacada é o corvo mariño cristado, catalogado como vulnerable. De plumaxe escura con reflexos verdosos e gran habilidade para mergullarse, habita durante todo o ano nos nosos cantís, onde atopa refuxio e alimento sin necesidad de ir a África.


A primavera xa chegou, e con ela, as aves viaxeiras aficanas. É tempo de erguer a vista ao ceo, escoitar a natureza e valorar a riqueza que nos rodea. Gozemos e protexamos as aves da península do Grove, un patrimonio natural que tamén depende de nós.

Enviada en - Ler entrada completa

POlIÑOS NAS PRAIAS

Poliño de píllara das dunas. G. Ferreiro.


Xa naceron poliños de píllara das dunas na Reserva Ornitolóxica do Grove, un acontecemento que marca o inicio dunha etapa tan fascinante como delicada para esta especie.

Desde as súas primeiras horas de vida, estas pequenas crías dependen case por completo do seu pai, que asume a responsabilidade de protexelas, guialas e ensinarlles a alimentarse. Durante varias semanas, acompáñaas incansablemente pola praia, amosándolles como atopar alimento e manterse a salvo, ata que desenvolven a capacidade de voar e acadar a súa independencia.

Porén, este proceso non é sinxelo. Durante aproximadamente un mes, os poliños permanecen na area sen teren desenvolvido aínda as plumas de voo, o que os fai extremadamente vulnerables. Neste período crítico, deben enfrontarse a múltiples ameazas: desde depredadores naturais ata a presenza de animais domésticos, especialmente cans que acceden á praia, xa sexa soltos ou mesmo atados.

A presenza de cans non só supón un risco directo para os poliños, senón que tamén xera un elevado nivel de estrés nos adultos, alterando o seu comportamento e podendo provocar o abandono do niño ou das crías, con consecuencias fatais.

Por iso, apelamos á responsabilidade e sensibilidade de todas as persoas que visitan estas praias. É fundamental respectar a normativa vixente e a sinalización existente que prohibe o acceso de cans, co fin de garantir a supervivencia destes fráxiles animais e contribuír á conservación dunha especie tan valiosa como vulnerable.


Enviada en - Ler entrada completa