AVES DE ÁFRICA NA RESERVA

Rula europea (Sterptopelia turtur).


Agora que estamos na primavera e o tempo máis suave permítenos saír, imos gozar de aves que veñen do continente africano e chegan á Reserva Ornitolóxica  do Grove para  nidificar.

Só hai que agudizar os sentidos, principalmente o oído e a vista e se é posible levar uns prismáticos e unha sinxela guía de aves.

No noso municipio poderemos gozar das andoriñas, aves cantareiras que desde un cable ou mentres voan, parlotean. Nidifican en aldeas mecas como San Vicente do Grove, e móvense para alimentarse polo istmo ou a praia da Lanzada, a Lagoa da  Bodeira etc.

Pronto chegarán tamén os cirrios, máis urbanos que as andoriñas, e que fan os niños baixo as tellas das casas ou nas regañas das súas fachadas. As súas chamadas: “ ci-riiii”, e os seus voos rápidos por rúas e prazas alegran os atardeceres estivais.

Polas zonas rurais tamén se pode ver a “exótica” bubela, de cor canela, branca e negra, único penacho e longo peteiro. O seu canto é un característico: “ bu-bu-bu-bu”. E se oímos un arrullo aveludado que sae de terreos arborizados abertos: “turr-turrr- turrr- turrrrrr”, é que regresou da África tropical a cada vez máis escasa rula europea anunciando a chegada do bo tempo.

Nas zonas palustres do municipio, as folosas das canaveiras alegran as mañás con notas repetitivas desde os bosques de talos: “tiri-tiri-tiri,  tier-tier-tier, zec-zec-zec…”. Poderemos oílos na Lagoa da Bodeira ou desde os humidais do  tómbolo da Lanzada.

As lavandeiras amarelas son aves estivais fáciles de identificar por ser lavandeiras amarelas, ligadas a terreos chairos, abertos e húmidos. Teñen un reclamo agradable: “tsi-i”. Pódense observar na duna da Lanzada.

As folosas amarelas de cor amarela móvense por calquera terreo semiabierto con árbores dispersas ligadas á auga. Teñen un canto longo que empeza de forma tranquila: ”trrri-trrri”, seguido dunha apresurada melodía.

Tamén hai aves nocturnas que veñen do continente veciño: as avenoiteira cincentas,   crepusculares e nocturnos, difíciles de observar, pero máis fáciles de oír, xa que a partir de abril emiten un ronrón mecánico con cambios de marcha e algunhas pausas curtas que poden durar horas: “PRRRR-rrrrrr-RRRR-rrrrr…”, parecido ao afastado son dun motor. Frecuentan zonas abertas con arboredo disperso ou lindes de bosques, xa sexan bosques mixtos ou piñeirais abertos do municipio  meco.

O moucho de orellas é un bufíño que se camufla moi ben coa cortiza das árbores, pero que se detecta en arboredos nas noites primaverais pola súa persistente chamada, afrautada e de longo alcance: “piuu-piuu-piuu”, repartido a intervalos de 2-3 segundos e que pode repetir durante horas. O monte da Siradella ou os piñeirais da Illa da Toxa son ideais para escoitalos nos meses primaverais.

Enviada en

Ver outras novas