AVES CHEGADAS DE ÁFRICA


Noiteboa cincenta. Ilustración Encarna González.

Tras os duros meses de temporais invernais, nos que moitas aves acuáticas marcharon cara ao norte de Europa para reproducirse, a primavera devolve a vida á paisaxe. Con ela chegan desde África numerosas especies que, tras cruzar desertos, montañas e mares, alcanzan a península do Grove, convertida nun auténtico refuxio para a nidificación.


No bulicio do corazón urbano do Grove, entre prazas e rúas, despregan os seus acrobáticos voos os cirrios. Estas aves escuras, de silueta en forma de media lúa, son auténticas viaxeiras do aire: poden pasar máis de dous anos sen pousarse. Os seus característicos asubíos, “ci-riiiiii”, anuncian a chegada do bo tempo e enchen o ceo de vida.


Ao caer a tarde, nos pinares da comarca, como os da illa da Toxa, escóitase o canto monótono do moucho de orellas europeo, un diminuto bufo migrador procedente do sur do deserto do Sahara pero sin chegar ao bosque tropical. Discreto e difícil de ver, aliméntase principalmente de insectos, o que o converte nun aliado natural dos nosos ecosistemas.


No monte da Siradella resoa o inconfundible canto do cuco, cada vez máis escaso, mentres na penumbra do solpor se activa a noiteboa cincenta, ave de hábitos nocturnos que aniña directamente no chan e cuxo voo silencioso pasa moitas veces desapercibido.


A lagoa da Bodeira convértese nun concerto natural onde, xunto ao croar das ras, se suman as folosa das canaveiras, as folosas políglotas e as rulas europeas. Todos eles atopan na vexetación densa un lugar ideal para agochar os seus niños e criar aos seus polos.


Nos campos que aínda conservan certa actividade agrícola aparecen especies entrañables como a bubela co seu rechamante penacho, ou as anduriñas, que seguen asociadas ás nosas vivendas e ás que a tradición atribúe boa sorte alí onde deciden instalar o seu niño.


No sistema dunar da Lanzada xa crían no chan as lavandeiras amarelas. E na praia escóndese un dos maiores tesouros dos nosos areais: o píllara das dunas, unha pequena ave limícola en perigo que deposita os seus ovos directamente sobre a area. A súa supervivencia depende en gran medida do respecto humano, polo que é fundamental evitar molestias e protexer as súas zonas de cría.


Pero o Grove, situado entre as rías de Pontevedra e Arousa, non é só terra: tamén é mar e costa rochosa. Aquí atopamos especies moi ameazadas, aínda que non procedan de África. Unha delas é a pardela balear, catalogada en perigo crítico de extinción, con apenas unhas 3.000 parellas no mundo. Desde as súas colonias nas Illas Baleares, percorren a costa ibérica ata Francia en busca de alimento, facendo escala na baía da Lanzada para descansar e recuperar forzas.

Outra especie destacada é o corvo mariño cristado, catalogado como vulnerable. De plumaxe escura con reflexos verdosos e gran habilidade para mergullarse, habita durante todo o ano nos nosos cantís, onde atopa refuxio e alimento sin necesidad de ir a África.


A primavera xa chegou, e con ela, as aves viaxeiras aficanas. É tempo de erguer a vista ao ceo, escoitar a natureza e valorar a riqueza que nos rodea. Gozemos e protexamos as aves da península do Grove, un patrimonio natural que tamén depende de nós.

Enviada en

Ver outras novas