CISTANCHE PHELIPAEA, OUTRA XOIA DA RESERVA ORNITOLÓXICA DE SEO/BIRDLIFE

E. González.

O coutiño, cardo leiteiro ou cardo de Santa María (Cistanche phelypaea subsp. lutea) é unha planta parasita, desprovista de clorofila, da familia das Orobancáceas, que medra en terreos areosos e salinos, como as beiras das marismas. 

O talo é robusto e carnoso, máis groso na base, cunha altura de ata 40 cm, erecto e non ramificado, dunha cor desde o gris ata o amarelo pálido ou sucio. As follas son tamén carnosas e glabras, de forma oval-lanceolada, de cor gris ou amarelada, a modo de escamas envolvendo o talo.

Florece entre febreiro e maio. As flores agrúpanse en inflorescencias apertadas, cilíndricas, zigomorfas. A corola é de forma acampanada e tubular formada por 5 pétalos soldados, case iguais, de cor amarela e ás veces cos bordos violáceos. O froito é en cápsula ovoide, dehiscente e con dúas valvas; produce un alto número de sementes de forma case esféricas.

Como é unha planta sen clorofila só pode medrar como parasita de plantas leñosas quenopodiáceas propias destes ambientes mariños (salicornia, artemisia…), mediante unha adaptación das súas raíces en haustorios que penetran nas raíces do hospedador, do que absorben os nutrientes.

¿Por qué é xoia da Reserva Ornitológica de SEO/BirLife?

O curioso desta planta é que está presente en Canarias e no sureste da península ibérica (Albacete, Alacant, Almería, Granada, Xaén e Murcia), así como no norte de África ata Exipto e Arabia Saudita. Na costa atlántica é común ata a altura de Lisboa, onde desaparace para reaparecer en Galicia, onde só está presente no enseada Umia-O Grove, límite norte da distribución da especie.

Enviada en

Ver outras novas