A GARZOTA GRANDE
Solemne garza impecablemente branca, delgada, angulosa e elegante.
Esta garzota é case tan grande como a garza real e ten o peteiro forte de cor amarela (agás en época reprodutora que o ten escuro), as patas son longas tamén amarelas e os pés escuros. O pescozo é extremadamente longo, delgado e dobrado, trazo moi característico. Cando voa vese de gran tamaño, con voo alto e pesado de aletexos máis pausados que a garzota común e silueta típica de garza: pescozo recolleito en forma de “S” e patas que sobresaen bastante do corpo. Móvese de forma solitaria ou en bandos pequenos laxos xunto a outras ardeidas. Espera pacientemente na beira dos humidais. O comercio das súas plumas nupciais a grande escala na segunda metade do s. XIX para a confección de chapeus e ornamentos traduciuse nun gran declive das súas poboacións. Hoxe está en aumento.
Aliméntase de peixes, insectos acuáticos e outros pequenos animais.
Habita extensos humidais continentais ou costeiros, como lagoas, encoros, marismas, albufeiras, deltas e arrozais, aínda que no inverno tamén está presente en esteiros ou pequenas pozas do interior.
É unha especie colonial que cría con outras ardeidas en grandes lagos superficiais, pantanosos con carrizos e algunha vexetación arbórea, onde sitúan unha plataforma pouco profunda xa sexa en árbores, arbustos ou na vexetación palustre. Entre abril e xullo fan unha posta. Poden ter entre dous e seis pitos.
Ocupa todos os continentes. En Europa a súa poboación reprodutora concéntrase sobre todo no sueste. No inverno repártense por rexións ribeiregas do Mediterráneo oriental, unha parte chega ao norte de África e mesmo atravesan o Sáhara.
A garzota grande en España é unha ave invernante que ata hai uns anos era unha especie rara, actualmente é escasa pero regular tanto na península como en Baleares, aínda que cada vez son máis os exemplares que recibimos durante o inverno procedentes de Europa, destacando na conca mediterránea (o Levante e delta do Ebro). En Canarias é accidental. Nidifica en escasos núcleos do delta do Ebro e as marismas do Guadalquivir, abandonando as colonias entre setembro e principios de novembro, para regresar entre finais de febreiro e comezos de abril.
Na Reserva Ornitolóxica do Grove e máis concretamente no Complexo Intermareal Umia-O Grove, cada ano chegan entre 1 e 3 garzotas grandes a pasar o inverno e que se poden observar desde distintos puntos ornitolóxicos da enseada.
Enviada en