UN ESPECTÁCULO GRANDIOSO

G. Ferreiro.


Como é habitual cada inverno, miles de aves acuáticas achéganse á Reserva Ornitolóxica do Grove para pasar os meses fríos.

E que mellor que agora que estamos en plena invernada, acercarse á enseada do Vao, ás súas casetas ornitolóxicas, con telescopio ou simplemente con prismáticos, pero tendo en conta as mareas, e gozar do grande espectáculo gratuíto das aves.

Non só hai limícolas, que agora temos varios miles, entre pilros comúns, tridáctilos e algúns gordos, píllaras cincentas e douradas, mazaricos reais e chiadores, mazaricos rabinegros e rubios, virapedras, gabitas, píllaras reais e biluricos patirrubios e claros.

Tamén poderemos observar os emblemáticos cullereiros, garzas reais, garzotas, corvos mariños grandes e distintas especies de gaivotas: patiamarelas, escuras, choronas, cabecinegras e algún gaivotón ou gaivota cana.

Sen esquecernos dos patos, cuxos números neste mes de xaneiro destacan por seren elevados, así hai uns 1200 patos asubiadores, 288 culleretes 227 cercetas e 303 patos rabilongos, ademais dos discretos patos frisados e os sempre presentes lavancos. 

Enviada en

Ver outras novas