O CUCO COMÚN (Cuculus canorus)

Cuco común (Cuculus canorus). Ilustración: Encarna González.


“Cando o cuco chega, entón é primavera; se o cuco aínda non chegou, é que a primavera non comezou”.

O canto do cuco é uno dos sons máis enigmáticos e profundos da natureza. Cada día máis difícil de oír, sempre foi un signo da chegada da primavera. Poucas persoas o viron porque é solitario e discreto. Ten tamaño medio, esvelta silueta e cola e alas longas. De cor gris polas partes superiores e branca finamente barrada polas inferiores. A femia pode ser agrisada coma o macho ou avermellada, menos frecuente. Os novos aseméllanse ás femias avermelladas, pero con plumas escamadas e mancha branca na caluga. En voo podería confundirse co gabián común, pero as alas aguzadas do cuco, en posición baixa e a cabeza levantada diferénciano. Voan a pouca altura, de forma pesada, directa e rápida, con profundos aletexos

A chamada do macho, que se oe a gran distancia e que emite entre abril e xuño cando regresou da África tropical, é un son coñecido por todos. Adoita cantar desde un pousadoiro ao descuberto, como a copa dunha árbore ou un cable: “cuc-cu, cuc-cu, cuc-cu”.

Aliméntanse no chan fundamentalmente de eirugas grandes peludas e tóxicas para outras aves, como a procesionaria do piñeiro, polo que actúan como controladores de pragas forestais, ademais consome outros insectos, lombrigas e pequenos vertebrados.

Poden observarse en toda clase de zonas boscosas ou monte baixo, pero prefire lindes de campiñas con bosquiños de caducifolios, anque a abundancia de especies hóspede en terras altas, pradeiras, carrizais, humedais con arbustos dispersos ou preto de cursos de auga, atráeo tamén a estes hábitats.

De hábitos reprodutores baseados no parasitismo: non fai niño, nin cría a pitos, senón que poñen un único ovo no niño doutras aves. Hai máis de 100 especies parasitadas en Europa, as máis comúns: Azulenta, Folosa das canaveiras, Lavandeira branca, Paporrubio, Pica común ou Rabirrubio de testa branca. Cada familia especialízase nunha especie cuxos ovos se parecen ao seu propio. Entre maio e xuño a femia deposita ata 25 ovos en 25 niños. O pito de cuco acabado de nacer bota os outros ovos o as crías do niño e é alimentado polos pais adoptivos, duplicando pronto o tamaño dos seus proxenitores. Feito documentado en 1778 polo médico descubridor da vacina contra a varíola Edward Jenner. 

A nivel mundial reprodúcense en Europa, norte de África e norte de Asia e invernan respectivamente na África subtropical e meridional e Asia subtropical.

En España é unha ave estival que ocupa case todo o territorio, sendo máis frecuente no norte e as montañas. Evita a alta montaña, estepas cerealistas, lugares subdesérticos ou sectores moi urbanizados. Falta como reprodutor en Canarias e Melilla. Como especie migradora, pasa os invernos en zonas tropicais ou subtropicais de África, pasando entre agosto e setembro e regresando maioritariamente en abril.

O cuco tamén está presente na Reserva Ornitológica de SEO/BirdLife do Grove e aínda que ten unha diminución forte en Galicia, aínda algúns cucos chegan ao municipio e esténdense por toda A Siradella e zonas arboradas de San Vicente.

​

Enviada en

Ver outras novas