PRIMAVERA

Chasco europeo (Saxicola rubicola). G. Ferreiro.​


Os meses de primavera son os ideais para deterse e escoitar o canto das aves. A primavera está no seu apoxeo e os sons da natureza convértense nunha auténtica banda sonora que nos acompaña e nos envolve.

Percorrendo os pinares da Toxa, os xardíns desta illa, o entorno da Bodeira, a pasarela da duna da Lanzada, o sendeiro entre árbores que baixa do “Sanatorio” ata a praia, os campos da parroquia de San Vicente, e todas aquelas zonas que aínda conservan vexetación autóctona, podemos gozar da fermosura destes cantos, da súa diversidade e da sensación de calma e felicidade que nos transmiten.

Diversos estudos de psiquiatría, psicoloxía e neurociencia sinalan que escoitar o canto das aves pode mellorar o estado de ánimo non só no momento de oílas, senón ata catro horas despois. Este efecto positivo está relacionado coa nosa conexión profunda coa natureza, algo que moitas veces esquecemos na vida diaria.

Ademais, o canto das aves e os sons naturais en xeral:

• fan máis tolerable o ruído do tráfico, 

• reducen a sensación de agobio en lugares multitudinarios, 

• axudan a regular o ritmo cardíaco, 

• aumentan os niveis de atención e concentración, 

• melloran a agudeza mental, 

• reducen o estrés, 

• diminúen os niveis de hostilidade, 

• e incrementan a sensación de benestar. 

Mesmo se fala de “baños sonoros naturais”, pequenas pausas conscientes nas que simplemente escoitamos o que nos rodea. Non require esforzo nin preparación: abonda con parar, respirar e prestar atención.

Só con escoitar as aves basta. Nada máis. 

Enviada en

Ver outras novas