Novas

PÍLLARA DAS DUNAS HOXE

Macho adulto.


Esta  tempada está  sendo  bastante  complicada para a reprodución da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), na Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife do Grove.

Por agora foron bastantes os niños que localizamos na praia. Algúns  desapareceron por causa dos temporais de primavera e outros foron  depredados ou abandonados. Tamén houbo ovos que non chegaron a eclosionar e varios polos morreron por causa do frío e a chuvia deste verán tan atípico.

Pero aínda queda 1 niño onde os adultos están incubando e hai 6 pitos no areal, destes, 4 xa fan voos curtos.

Tamén cómpre dicir que malia que hai menos cans na praia, algún sempre se coa, a pesar da nosa vixilancia, da do persoal de medio ambiente, da policía local e do Seprona. De momento levamos 113 donos de mascotas informados.




IMPACTO DOS RESIDUOS MARIÑOS NAS PÍLLARAS

Nunha das inspeccións rutineiras, comprobamos que un dos polos tiña unha maraña de tanza moi fina enleada nas patas. Isto impedíalle moverse con normalidade e condenaríao a unha morte segura.

Exemplo ilustrativo do impacto negativo que causan os residuos contaminantes dos océanos que chegan ás nosas praias con píllaras das dunas.


Poliño con sedal.


Por sorte conseguimos capturar o pito e liberalo a tempo da tanza, o cal marchou correndo coa súa familia. Durante algúns días coxeou un pouco, pero agora camiña ben.  


Enviada en - Ler entrada completa

VOLUNTARIOS DO PROXECTO LIBERA RETIRAN 114 TONELADAS DE BASURALEZA

O Proxecto LIBERA, impulsado por SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes, desenvolveu a quinta edición de ‘1m2 contra a basuraleza’, a gran recollida colaborativa cidadá para liberar a natureza de residuos abandonados.

Co obxectivo de concienciar a sociedade sobre o impacto ambiental da “basuraleza”, organizáronse recollidas en preto de 1.100 espazos naturais de todo o país, coa participación de máis de 11.000 persoas voluntarias, organizadas en grupos limitados, seguindo as medidas de seguridade sanitarias, coas que se logrou recoller un total de 114 toneladas de residuos abandonados en contornas terrestres, fluviais e mariñas de todas as provincias españolas.

A quinta edición desta gran cita colaborativa nacional contou tamén coa colaboración e o respaldo de entidades científicas, educativas e divulgativas de gran prestixio que forman parte da rede de alianzas de LIBERA, entre as que se encontran Cruz Vermella Española, Hombre y Territorio (HyT), Oceánidas, ANSE, Alnitak, ADENEX,  Promemar ou Fundación Reina Sofía. coa participación da Súa Maxestade a Raíña, así como 119 concellos que participaron, entre eles o Concello do Grove, onde os seus voluntarios retiraron gran cantidade de lixo da súa Reserva Ornitolóxica.

En canto á “basuraleza” atopada destacan as latas, os envoltorios, as pezas de plástico e de vidro de todo tipo, sendo as cabichas os residuos máis encontrados. Ademais, pola súa tipoloxía, merecen mención algúns tan dispares como televisores, neveiras, colchóns, roupa, e incluso, impresoras. Así mesmo, destacan produtos como toalliñas, preservativos ou máscaras.

​

Enviada en - Ler entrada completa

PÍLLARAS E CANS

Foto G. Ferreiro.


Seguen levando cans aos areais da Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife do Grove onde nidifican as ameazadas Píllara das dunas ou Chorlitejo patinegro.


A PESAR DOS INNUMERABLES CARTEIS

 QUE PROHIBEN CANS NA PRAIA 

A PESAR DAS CONTINUAS CHAMADAS DE ATENCIÓN

 POR PARTE DOS VOLUNTARIOS DE SEO-PONTEVEDRA

 E DOS AXENTES MEDIOAMBIENTAIS

A PESAR DAS MULTAS DA POLICÍA LOCAL Y  DO SEPRONA

E HABENDO UN AREAL CANINO MOI PRETO


CADA DÍA XENTE INCÍVICA 

CONTINÚA LEVANDO CANS

 ÁS POUCAS PRAIAS DE GALICIA

 ONDE AÍNDA CRÍA A PÍLLARA DAS DUNAS 


É de PERSOAS EGOÍSTAS

 non querer aceptar cal é a prioridade,

 se a das suas mascotas,

 QUE ESTÁN PROHIBIDAS,

POLO QUE INFRINXEN A LEI

     e que ademais

 NON CORREN NINGÚN RISCO DE EXTINGUIRSE,

ou a dos ANIMAIS SILVESTRES

COMO A PÍLLARA DAS DUNAS

QUE TEÑEN QUE SOBREVIVIR  POR SI SÓS

NUN MUNDO CADA VEZ MÁIS HUMANIZADO

E QUE ESTÁN EN PERIGO DE DESAPARECER PARA SEMPRE.

POLA CULPA DOS SEUS CANS

​
Foto G. Ferreiro.


Enviada en - Ler entrada completa

GAIVOTA DE BONAPARTE


Gaivota de Bonaparte. Enseada de Terra de Porto. G. Ferreiro.


Durante o mes de maio visitou a Reserva  Ornitolóxica de SEO/BirdLife do Grove unha gaivota de Bonaparte (Chroicocephalus  philadelphia).

Estivo varios días movéndose entre a enseada de Terra de Porto, onde se alimentaba xunto a gaivotas choronas, e Con Roibo, onde descansaba coa preamar.

A philadelphia é un lárido similar á gaivota chorona, pero máis pequena, coa cabeza máis redondeada e o pico e as patas máis curtas. Esta gaivota ten o píleo agrisado e as ás e a cola están bordeadas de negro.

O que chama a atención desta gaivota é que é propia do continente americano. Nidifica ao norte de América do Norte, desde Alaska ata a baía de James, criando en pozas e turbeiras de bosques boreais de coníferas, tanto na costa como no interior. Inverna nas costas de Estados Unidos, México e as Antillas.

En Europa hai distintos rexistros destas aves, sobre todo nas illas británicas. En España tamén hai citas, destacando as costas de Galicia, ademais de litorais do norte, Canarias e Andalucía. Para o Concello e a Reserva Ornitolóxica do Grove é a primeira cita.

Probablemente esta ave chegou ao municipio meco debido aos temporais de maio, que a empuxaron desde as costas americanas, a través do océano Atlántico, ata a nosa reserva.

Oxalá esta pequena e graciosa gaivota atope o seu destino.


Enviada en - Ler entrada completa

NIÑOS DE PÍLLARA DAS DUNAS NA RESERVA

Píllara das dunas. G. Ferreiro.


O domingo 2 de maio voluntarios do Grupo local SEO-Pontevedra xunto cos vixiantes de Medio Ambiente atopamos catro niños de píllara dás dunas (Charadrius alexandrinus), nunha das praias da Reserva  Ornitolóxica de SEO/BirdLife do Grove.

Os niños atopados quedaron protexidos con “gaiolón” e parcela de exclusión enseguida.

Dous días despois, foron tres os novos niños atopados por voluntarios de SEO. Tamén quedaron protexidos con “gaiolón” ou balizamento.


Rematando o "gaiolón". G. Ferreiro.


No que vai de tempada houbo un total de oito niños de píllara das dunas na reserva, pero por desgraza ao primeiro levouno a forte marea do temporal de días atrás e outros dous niños desapareceron por mor de choiva e do vento destes días, tan fóra de lugar.

Agora só esperamos que  os niños que quedan aguanten e que todo lles vaia ben.

Tamén este mes La 1 de RTVE estivo na praia gravando unha reportaxe para o programa España Directo acerca desta ameazada limícola. Na reportaxe, ademais de facer tomas do ave, falouse da súa importancia como bioindicador do estado das praias e da necesidade de conservar para o noso futuro a pequena píllara das dunas. 



"España Directo". E. González.

Enviada en - Ler entrada completa