Novas

O CUCO COMÚN (Cuculus canorus)

Cuco común (Cuculus canorus). Ilustración: Encarna González.


“Cando o cuco chega, entón é primavera; se o cuco aínda non chegou, é que a primavera non comezou”.

O canto do cuco é uno dos sons máis enigmáticos e profundos da natureza. Cada día máis difícil de oír, sempre foi un signo da chegada da primavera. Poucas persoas o viron porque é solitario e discreto. Ten tamaño medio, esvelta silueta e cola e alas longas. De cor gris polas partes superiores e branca finamente barrada polas inferiores. A femia pode ser agrisada coma o macho ou avermellada, menos frecuente. Os novos aseméllanse ás femias avermelladas, pero con plumas escamadas e mancha branca na caluga. En voo podería confundirse co gabián común, pero as alas aguzadas do cuco, en posición baixa e a cabeza levantada diferénciano. Voan a pouca altura, de forma pesada, directa e rápida, con profundos aletexos

A chamada do macho, que se oe a gran distancia e que emite entre abril e xuño cando regresou da África tropical, é un son coñecido por todos. Adoita cantar desde un pousadoiro ao descuberto, como a copa dunha árbore ou un cable: “cuc-cu, cuc-cu, cuc-cu”.

Aliméntanse no chan fundamentalmente de eirugas grandes peludas e tóxicas para outras aves, como a procesionaria do piñeiro, polo que actúan como controladores de pragas forestais, ademais consome outros insectos, lombrigas e pequenos vertebrados.

Poden observarse en toda clase de zonas boscosas ou monte baixo, pero prefire lindes de campiñas con bosquiños de caducifolios, anque a abundancia de especies hóspede en terras altas, pradeiras, carrizais, humedais con arbustos dispersos ou preto de cursos de auga, atráeo tamén a estes hábitats.

De hábitos reprodutores baseados no parasitismo: non fai niño, nin cría a pitos, senón que poñen un único ovo no niño doutras aves. Hai máis de 100 especies parasitadas en Europa, as máis comúns: Azulenta, Folosa das canaveiras, Lavandeira branca, Paporrubio, Pica común ou Rabirrubio de testa branca. Cada familia especialízase nunha especie cuxos ovos se parecen ao seu propio. Entre maio e xuño a femia deposita ata 25 ovos en 25 niños. O pito de cuco acabado de nacer bota os outros ovos o as crías do niño e é alimentado polos pais adoptivos, duplicando pronto o tamaño dos seus proxenitores. Feito documentado en 1778 polo médico descubridor da vacina contra a varíola Edward Jenner. 

A nivel mundial reprodúcense en Europa, norte de África e norte de Asia e invernan respectivamente na África subtropical e meridional e Asia subtropical.

En España é unha ave estival que ocupa case todo o territorio, sendo máis frecuente no norte e as montañas. Evita a alta montaña, estepas cerealistas, lugares subdesérticos ou sectores moi urbanizados. Falta como reprodutor en Canarias e Melilla. Como especie migradora, pasa os invernos en zonas tropicais ou subtropicais de África, pasando entre agosto e setembro e regresando maioritariamente en abril.

O cuco tamén está presente na Reserva Ornitológica de SEO/BirdLife do Grove e aínda que ten unha diminución forte en Galicia, aínda algúns cucos chegan ao municipio e esténdense por toda A Siradella e zonas arboradas de San Vicente.

​

Enviada en - Ler entrada completa

AVES DE ÁFRICA NA RESERVA

Rula europea (Sterptopelia turtur).


Agora que estamos na primavera e o tempo máis suave permítenos saír, imos gozar de aves que veñen do continente africano e chegan á Reserva Ornitolóxica  do Grove para  nidificar.

Só hai que agudizar os sentidos, principalmente o oído e a vista e se é posible levar uns prismáticos e unha sinxela guía de aves.

No noso municipio poderemos gozar das andoriñas, aves cantareiras que desde un cable ou mentres voan, parlotean. Nidifican en aldeas mecas como San Vicente do Grove, e móvense para alimentarse polo istmo ou a praia da Lanzada, a Lagoa da  Bodeira etc.

Pronto chegarán tamén os cirrios, máis urbanos que as andoriñas, e que fan os niños baixo as tellas das casas ou nas regañas das súas fachadas. As súas chamadas: “ ci-riiii”, e os seus voos rápidos por rúas e prazas alegran os atardeceres estivais.

Polas zonas rurais tamén se pode ver a “exótica” bubela, de cor canela, branca e negra, único penacho e longo peteiro. O seu canto é un característico: “ bu-bu-bu-bu”. E se oímos un arrullo aveludado que sae de terreos arborizados abertos: “turr-turrr- turrr- turrrrrr”, é que regresou da África tropical a cada vez máis escasa rula europea anunciando a chegada do bo tempo.

Nas zonas palustres do municipio, as folosas das canaveiras alegran as mañás con notas repetitivas desde os bosques de talos: “tiri-tiri-tiri,  tier-tier-tier, zec-zec-zec…”. Poderemos oílos na Lagoa da Bodeira ou desde os humidais do  tómbolo da Lanzada.

As lavandeiras amarelas son aves estivais fáciles de identificar por ser lavandeiras amarelas, ligadas a terreos chairos, abertos e húmidos. Teñen un reclamo agradable: “tsi-i”. Pódense observar na duna da Lanzada.

As folosas amarelas de cor amarela móvense por calquera terreo semiabierto con árbores dispersas ligadas á auga. Teñen un canto longo que empeza de forma tranquila: ”trrri-trrri”, seguido dunha apresurada melodía.

Tamén hai aves nocturnas que veñen do continente veciño: as avenoiteira cincentas,   crepusculares e nocturnos, difíciles de observar, pero máis fáciles de oír, xa que a partir de abril emiten un ronrón mecánico con cambios de marcha e algunhas pausas curtas que poden durar horas: “PRRRR-rrrrrr-RRRR-rrrrr…”, parecido ao afastado son dun motor. Frecuentan zonas abertas con arboredo disperso ou lindes de bosques, xa sexan bosques mixtos ou piñeirais abertos do municipio  meco.

O moucho de orellas é un bufíño que se camufla moi ben coa cortiza das árbores, pero que se detecta en arboredos nas noites primaverais pola súa persistente chamada, afrautada e de longo alcance: “piuu-piuu-piuu”, repartido a intervalos de 2-3 segundos e que pode repetir durante horas. O monte da Siradella ou os piñeirais da Illa da Toxa son ideais para escoitalos nos meses primaverais.

Enviada en - Ler entrada completa

PÍLLARAS DAS DUNAS 2021


Píllara das dunas. O Grove.  27/03/2021. G Ferreiro.

No mes de marzo comezamos co control de praias da Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife do Grove, onde  nidifican as  píllara dás dunas (Charadrius alexandrinus), especie vulnerable en Galicia.

Algunhas píllaras xa empezaron a frecuentar os areais na procura dos seus lugares de reprodución, así durante marzo foron vistos varios exemplares anelados nesta praia e noutros areais, pero que nidifican aquí. 

Outra boa noticia é que un pito nado en 2020 no Grove e anelado en agosto foi visto o 10 de setembro na praia de Baldaio e o 6 de marzo na praia de Traba, ambas da Coruña.

O peor é que nestas datas os areais están cheos de cans, e é unha época crítica, xa que as píllaras empezan a buscar territorio onde aniñar e, se ven posibles depredadores (os cans),  estrésanse e poden abandonar as praias, deixando de criar ese ano.

Estes días xa foi avisada a policía municipal, que pillou algúns donos con cans na praia. 


O Grove. 27/03/2021. G. Ferreiro.

Tamén hai uns días tivemos a reunión do “Grupo Píllara”, grupo que se ocupa da conservación da píllara dás dunas en Galicia, e no que participamos distintas asociacións conservacionistas, Universidade de Santiago, concellos como o do Grove, Carballo ou A Pobra do Caramiñal e o Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra, todo iso coa finalidade de coordinar na nosa comunidade as actuacións da tempada que vén e facilitar que esta especie ameazada se reproduza con éxito.

Enviada en - Ler entrada completa

RUTA DOS PASERIFORMES

Imos describir unha pequena ruta na Reserva Ornitolóxica do Grove, onde se poden ver un número interesante de paseriformes, ou o que é o mesmo, paxariños cantores de percha.

A ruta é moi sinxela e fresca, e vai por unha senda rodeada de vexetación, árbores e arbustos asociados á auga, preto dun regato que desemboca na praia da Lanzada.

El traxecto iníciase na estrada que se dirixe a San Vicente do Grove, en fronte do campamento de verán da Xunta, nun desvío á man esquerda que discorre paralelo á duna, desembocando no lado norte da praia.

Nada máis comenzar a ruta poderemos oír pimpín, que canta desde o outro lado da estrada. Pouco a pouco iremos escoitando merlo desde unha póla alta, tamén algún bando de estorniños negros que voan dun lado para outro. Ademais da carriza, que desde a maraña baixa do matogueira entoa a súa explosiva melodía.

Tampouco faltará a papuxa das amoras, de son musical, que sae do máis profundo da espesura e cun pouco de sorte talvez cante a escasa cotovía pequena desde os piñeiros da duna.

Ademais de verderolos, liñaceiros, grupiños de pardais, xiríns, paporrubios…, e os bonitos xílgaros que se moven preto do final do camiño. 

Unha vez chegados á pasarela da praia completaremos a lista co chasco, que destaca sobre o alto dalgunha matogueira, pombo torcaz, corvo pequeno ou gaivota de patas amarelas que atravesan o sistema dunar e ata algunha laverca que canta a grande altura sobre a duna.


Mapa da ruta.

Enviada en - Ler entrada completa

AVES E FELICIDADE


Foto E. Gonzáleaz

Observar aves trae a felicidade

Ecological Economics publicou un informe no que asegura que observar aves e a natureza pode reportarnos un gran benestar.

Se analizamos a maioría dos últimos estudos publicados sobre os beneficios da natureza no ser humano, veremos que en xeral se refiren ás nosas contornas locais.

Recentemente puidemos ler que vivir preto das chamadas zonas azuis é beneficioso para a nosa saúde, que ter acceso a parques ou espazos verdes cerca da casa diminúe as enfermidades cardiovasculares e frea a contaminación, así como que camiñar uns 120 minutos semanais nunha contorna verde nos proporciona benestar e saúde. Confirmábao un estudo de Scientific Reports en xuño de 2019, do que nos faciamos eco en Traveler.es.

Se ben, faltaba algún estudo que confirmase que a nivel global a natureza nos achega felicidade. E iso é o que conseguiu demostrar o último estudo de Ecological Economics no que participaron diferentes organismos e universidades de Europa, como o German Centre for Integrative Biodiversity Research, a Universidade de Kiel ou o Senckenberg Biodiversity and Climate Research Centre, entre outros.

O estudo publicado en novembro de 2020 quería corroborar como a natureza inflúe no benestar humano de diferentes formas e a nivel continental. “Para iso relacionamos datos socioeconómicos de máis de 26.000 cidadáns europeos en 26 países con datos macroecolóxicos sobre diversidade de especies e características da natureza en Europa”, suliñan no estudo.

Tamén utilizaron como referencia anteriores estudos, como un publicado recentemente no que se demostrou que a riqueza de especies de fauna e flora está relacionada positivamente co benestar subxectivo dos residentes no estado de Victoria, Australia. “Unha maior riqueza de especies de plantas tamén se asocia positivamente coa capacidade das persoas para recuperarse do estrés”, engaden.

Así o obxectivo da análise The importance of species diversity for human well-being in Europe era o de examinar a relación entre a diversidade de especies e a satisfacción coa vida a nivel continental. “A diversidade de especies mídese como a riqueza de especies de aves, mamíferos (incluída a megafauna) e árbores. Os nosos resultados mostran que a riqueza de especies de aves se asocia positivamente coa satisfacción coa vida en Europa. Encontramos unha relación relativamente forte, o que indica que o efecto da riqueza de especies de aves sobre a satisfacción coa vida pode ser de magnitude similar á dos ingresos”, sinalan.

Por iso, suxiren que a toma de decisións políticas e sociais debe considerar o papel fundamental da diversidade de especies para o benestar humano. “Con base nestes resultados, este estudo sostén que as accións de manexo para a protección das aves e as paisaxes que as sustentan beneficiarían os humanos”.

E neste sentido, desde a organización SEO/BirdLife apoian os resultados. "Todos os aspectos da natureza facilitan un benestar para as persoas. Gran proporción da poboación mundial recorre á natureza no seu tempo libre para gozar da vida, moitos deles incluso dedican tempo a prestar especial atención ás aves, pois resúltalles grata a actividade", dille a Traveler.es Juan Carlos del Moral, coordinador da Área de Ciencia Ciudadana de SEO/BirdLife.

Desde a súa web, ademais, facilítannos unha guía coa que poder poñer en práctica a observación, porque si niso moitos somos inexpertos. Tamén dispoñen dun identificador de aves, creado conxuntamente co Goberno de España e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, no que poderás identificar aqueles paxaros que encontres.

A recomendación: "Basta con pasear por sendas e pistas xa abertas para o tránsito das persoas por calquera parte do campo e manter silencio ou actividades que non alteren o estado normal da contorna".

Este 2021, ademais, a ave do ano seleccionada por SEO/BirdLife é o cirrio; este, polo menos, será fácil recoñecelo agora que xa o sabemos. 

Coa chegada da primavera será un bo momento de practicar a observación e demostrarnos a cantidade de beneficios que pode reportarnos, sobre todo para rebaixar o estrés e a incerteza destes tempos de pandemia. Anímaste?

Enviada en - Ler entrada completa