Novas

POlIÑOS NAS PRAIAS

Poliño de píllara das dunas. G. Ferreiro.


Xa naceron poliños de píllara das dunas na Reserva Ornitolóxica do Grove, un acontecemento que marca o inicio dunha etapa tan fascinante como delicada para esta especie.

Desde as súas primeiras horas de vida, estas pequenas crías dependen case por completo do seu pai, que asume a responsabilidade de protexelas, guialas e ensinarlles a alimentarse. Durante varias semanas, acompáñaas incansablemente pola praia, amosándolles como atopar alimento e manterse a salvo, ata que desenvolven a capacidade de voar e acadar a súa independencia.

Porén, este proceso non é sinxelo. Durante aproximadamente un mes, os poliños permanecen na area sen teren desenvolvido aínda as plumas de voo, o que os fai extremadamente vulnerables. Neste período crítico, deben enfrontarse a múltiples ameazas: desde depredadores naturais ata a presenza de animais domésticos, especialmente cans que acceden á praia, xa sexa soltos ou mesmo atados.

A presenza de cans non só supón un risco directo para os poliños, senón que tamén xera un elevado nivel de estrés nos adultos, alterando o seu comportamento e podendo provocar o abandono do niño ou das crías, con consecuencias fatais.

Por iso, apelamos á responsabilidade e sensibilidade de todas as persoas que visitan estas praias. É fundamental respectar a normativa vixente e a sinalización existente que prohibe o acceso de cans, co fin de garantir a supervivencia destes fráxiles animais e contribuír á conservación dunha especie tan valiosa como vulnerable.


Enviada en - Ler entrada completa

PRIMAVERA

Chasco europeo (Saxicola rubicola). G. Ferreiro.​


Os meses de primavera son os ideais para deterse e escoitar o canto das aves. A primavera está no seu apoxeo e os sons da natureza convértense nunha auténtica banda sonora que nos acompaña e nos envolve.

Percorrendo os pinares da Toxa, os xardíns desta illa, o entorno da Bodeira, a pasarela da duna da Lanzada, o sendeiro entre árbores que baixa do “Sanatorio” ata a praia, os campos da parroquia de San Vicente, e todas aquelas zonas que aínda conservan vexetación autóctona, podemos gozar da fermosura destes cantos, da súa diversidade e da sensación de calma e felicidade que nos transmiten.

Diversos estudos de psiquiatría, psicoloxía e neurociencia sinalan que escoitar o canto das aves pode mellorar o estado de ánimo non só no momento de oílas, senón ata catro horas despois. Este efecto positivo está relacionado coa nosa conexión profunda coa natureza, algo que moitas veces esquecemos na vida diaria.

Ademais, o canto das aves e os sons naturais en xeral:

• fan máis tolerable o ruído do tráfico, 

• reducen a sensación de agobio en lugares multitudinarios, 

• axudan a regular o ritmo cardíaco, 

• aumentan os niveis de atención e concentración, 

• melloran a agudeza mental, 

• reducen o estrés, 

• diminúen os niveis de hostilidade, 

• e incrementan a sensación de benestar. 

Mesmo se fala de “baños sonoros naturais”, pequenas pausas conscientes nas que simplemente escoitamos o que nos rodea. Non require esforzo nin preparación: abonda con parar, respirar e prestar atención.

Só con escoitar as aves basta. Nada máis. 

Enviada en - Ler entrada completa

3º NIÑO DE PÍLLARA DAS DUNAS

E. González.


Onte tivemos outra nova moi especial na Reserva Ornitolóxica doGrove no Complexo Intermareal Umia–O Grove: atopamos o terceiro niño de píllara das dunas desta tempada.

O achado produciuse noutra das praias do espazo protexido, o que reforza a idea de que esta limícola continúa atopando aquí un lugar axeitado para reproducirse.

Pero… por que é tan importante este tipo de descubrimentos?

A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) é unha ave limícola que aniña directamente na area, facendo apenas unha pequena depresión no chan onde deposita os ovos. Esta estratexia, aínda que efectiva en contornas naturais pouco alteradas, convértea nunha especie moi vulnerable á actividade humana. O paso de persoas ou cans  poden destruír niños case invisibles a simple vista.

Para aumentar as súas posibilidades de éxito, xa quedou  instalada unha gaiola de protección —que permite á ave entrar e saír con normalidade pero impide o acceso de depredadores— e un balizado disuasorio que sinaliza a zona e pide ás persoas que manteñan distancia.

Este tipo de medidas son fundamentais, pero non suficientes sen a colaboración cidadá. Se visitas praias onde habita a píllara das dunas, lembra:

• Respectar sempre as zonas balizadas

• Evitar achegarte aos niños, aínda que parezan abandonados

• Non levar os cans a praia.

• Circular polas zonas húmidas e non polas áreas dunares

Cada pequeno xesto conta. Grazas á combinación de conservación activa e sensibilización, especies como a píllara das dunas teñen unha oportunidade real de saír adiante.

Este terceiro niño é, sen dúbida, unha excelente noticia e un motivo máis para seguir coidando e divulgando o valor ecolóxico da Reserva Ornitolóxica do Grove no Complexo Intermareal Umia–O Grove. Agora toca estar pendentes da súa evolución… e cruzar os dedos para que dentro dunhas semanas poidamos falar de novos poliños correndo pola area.


Enviada en - Ler entrada completa

PRIMEIROS NIÑOS DE PÍLLARA DAS DUNAS


Pillaras das dunas. G. Ferreiro.


Estes días  atopamos  os dous  primeiros niños de Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), desta tempada.

Foi nunha praia do Salnés, concretamente na Reserva Ornitolóxica de SEO Bird/Life do Grove.

Un niño ten 3 ovos e o outro 2 e  están situados na parte superior da area da praia.

 Na mesma mañan xa foron protexido con gaiola e perimetrados con balizas.

Agora só queda que todos os usuarios do areal cumpran a lei respectando os niños  e sobretodo non levando cans as praias.

A ver si dunha vez acabamos con esta lacra dos cans campeando polos areais costeiros, tan perxudicial para a natureza e os seus seres vivos.


Enviada en - Ler entrada completa

COMENZA A TEMPADA DE CRÍA DA PÍLLARA DAS DUNAS: AGORA CANS FORA DA PRAIA

E. González.

A Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) xa iniciou a súa tempada de cría nas praias galegas. Estamos, polo tanto, no momento máis crítico do ano para esta especie seriamente ameazada, catalogada como “En perigo” no Libro Vermello das Aves de España e “Vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Esta limícola, que apenas deixa unha leve depresión na area como niño, é extremadamente vulnerable ás perturbacións humanas. Máis do 80% das súas postas fracasan por causas como temporais, depredación… e, sobre todo, a presenza de cans soltos ou paseando pola praia.

Por que é tan importante non levar cans ás praias?

Cando as píllaras chegan ás praias de cría e forman parellas, buscan lugares tranquilos e seguros onde sacar adiante os seus polos. A presenza de cans, que elas perciben como depredadores, pode expulsalas da zona incluso antes de iniciar a incubación. Ademais, durante o período de incubación e nos primeiros días de vida dos poliños, calquera perturbación pode facer que os adultos abandonen definitivamente o niño ou temporalmente, deixando ovos e crías vulnerables á deshidratación, ao frío ou aos depredadores. Mesmo a simple presenza dun can —aínda que vaia atado— é interpretada pola píllara como unha ameaza.

Nos últimos anos, tanto voluntariado como gardas/axentes ambientais, policías locais e axentes do SEPRONA teñen rexistrado numerosos casos de cans en praias a pesar da cartelería e da prohibición expresa. Esta é unha das causas directas de abandono, destrución accidental de niños e da morte de poliños.

Recordatorio legal e ético

Nas praias onde a píllara das dunas nidifica, os cans están prohibidos.
Non é unha recomendación: é unha norma obrigatoria, en vigor cada ano durante toda a tempada de cría.

Cumprila non só evita sancións, senón que é un acto básico de conservación dunha das últimas poboacións desta especie en Galicia —unha especie que xa desapareceu de gran parte do norte peninsular e que apenas conta con pouco máis de oitenta parellas no noso litoral. 

Como podes axudar?

  • Respecta sempre a sinalización e mantente afastado das zonas acoutadas.
  • Non pasees o teu can por estas praias nin sequera a primeiras horas ou ao anoitecer.
  • Evita camiñar por zonas de duna ou vexetación, onde se poden agochar os pitos que son case invisibles.
  • Se atopas un niño sen protexer afástate e avisa aos axentes ambientais ou a través do 112.
  • Comparte esta información para que máis xente coñeza o problema
_________________________________________________________________________________________________


A conservación da píllara das dunas é responsabilidade de todas e todos.
Cada niño conta. Cada poliño conta. E cada xesto tamén.

Axuda a protexelos: os cans non teñen sitio nestas praias.


G. Ferreiro.


Enviada en - Ler entrada completa