Novas

UN ESPECTÁCULO GRANDIOSO

G. Ferreiro.


Como é habitual cada inverno, miles de aves acuáticas achéganse á Reserva Ornitolóxica do Grove para pasar os meses fríos.

E que mellor que agora que estamos en plena invernada, acercarse á enseada do Vao, ás súas casetas ornitolóxicas, con telescopio ou simplemente con prismáticos, pero tendo en conta as mareas, e gozar do grande espectáculo gratuíto das aves.

Non só hai limícolas, que agora temos varios miles, entre pilros comúns, tridáctilos e algúns gordos, píllaras cincentas e douradas, mazaricos reais e chiadores, mazaricos rabinegros e rubios, virapedras, gabitas, píllaras reais e biluricos patirrubios e claros.

Tamén poderemos observar os emblemáticos cullereiros, garzas reais, garzotas, corvos mariños grandes e distintas especies de gaivotas: patiamarelas, escuras, choronas, cabecinegras e algún gaivotón ou gaivota cana.

Sen esquecernos dos patos, cuxos números neste mes de xaneiro destacan por seren elevados, así hai uns 1200 patos asubiadores, 288 culleretes 227 cercetas e 303 patos rabilongos, ademais dos discretos patos frisados e os sempre presentes lavancos. 

Enviada en - Ler entrada completa

EXPOSICIÓN: “AS AVES MARIÑAS, OS NOSOS OLLOS NO MAR”


Ata xaneiro de 2022 SEO/BirdLife organiza unha exposición fotográfica na lonxa do Grove ligada ao proxecto de conservación ZEPAMAR II (financiado pola Fundación Biodiversidade, grazas ao Programa Preamar) baixo o título “As aves, os nosos ollos no mar”, na cal se pretende destacar a importancia das aves no mar e as ameazas ás que se enfrontan, con especial atención á interacción que ocorre entre elas e os pescadores (coñecidas como capturas accidentais). 

A ONG dá a coñecer dunha forma visual o traballo colaborativo que mantén cos pescadores para conservar o grupo de aves máis ameazado do mundo, as mariñas, e recoñece a súa valiosa contribución na procura de solucións.

Deste xeito, preténdese darlle visibilidade a un problema aínda bastante descoñecido, e xerar unha maior conciencia cara a este grupo de especies por parte do público xeral e dos pescadores en particular, a quen se lles pretende inducir un sentimento de empatía que facilitaría unha posible futura colaboración.

A exposición estará aberta ao público de forma gratuíta nas instalacións da lonxa do Grove. Invitámolos a visitala e a que descubran o traballo que realizamos en colaboración con pescadores galegos e españois de diversos portos.


Enviada en - Ler entrada completa

AVES DA DUNA DA LANZADA

Foto G. Ferreiro.


Instalouse un bonito cartel na Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife do Grove, concretamente na  duna da Lanzada, ao fondo do aparcadoiro central e financiado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.

Este cartel trata de dar a coñecer os valores naturais desta xoia costeira e a súa importancia para a biodiversidade de Galicia. 

Aínda que se centra principalmente nas aves, con fermosas ilustracións a cor. Son as aves máis características da duna e onde se explica en que épocas do ano ocupan este privilexiado lugar.


foto G. Ferreiro.

Enviada en - Ler entrada completa

ACTIVIDADES NA RESERVA ORNITOLÓXICA DE SEO/BIRDLIFE

Durante o mes de outubro organizáronse varias actividades na Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife do Grove.

Ademais de celebrar o Día das Aves, cunha participación de 24 persoas, tamén se fixo unha saída ornitolóxica coa Deputación de Pontevedra no seu programa “Voando polas Rías Baixas”, na que os participantes puideron gozar de 42 especies de aves, a pesar de que durante toda a xornada choveu sen parar. 



Tamén se organizaron varias limpezas con colaboración entre SEO-Pontevedra, o Grupo Naturalista Hábitat e ABANCA.

Unha destas limpezas fíxose na praia e a duna da Lanzada, de onde se retiraron case 400 kg de residuos, principalmente botellas de vidro.



Unha segunda limpeza, á que se uniron as mariscadoras do Grove, foi en diferentes tramos da Illa da Toxa, de onde se sacaron varias toneladas de lixo, entre as que destacaron as rodas de coches, os plásticos e os utensilios de acuicultura: redes, cordas…


Enviada en - Ler entrada completa